As bibliotecas municipais da Coruña ofrecen catro cursos para iniciarnos nas TIC

mércores, 22 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

A Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña vai facer que nesta recta inicial de ano as novas tecnoloxías collan impulso na súa carreira de utilidade, formación, coñecemento e empregabilidade para a cidadanía. Por esta razón, convocaron catro relevantes cursos para iniciar á veciñanza nas novas ferramentas: unha programación con obradoiros diversos distribuídos polas diferentes bibliotecas da cidade.
Segundo informa Coruña Dixital, os obradoiros achéganse de balde, aínda que será preciso que as persoas interesadas se inscriban previamente acudindo de maneira presencial á súa biblioteca habitual, chamando por teléfono ou creando un perfil na plataforma Smart City, dentro do prazo que se describe en cada un dos eventos dos cursos. Respecto das propostas formativas programadas para o que resta de inverno (entre xaneiro e marzo), son as que citamos a continuación.
· Iniciación á informática, Internet e correo electrónico. Aprendizaxe a un nivel básico para o manexo destas ferramentas dixitais. Este curso terá lugar nas bibliotecas municipais Sagrada Familia (do 20 ao 31 de xaneiro, en horario de 15:00-18:00, co prazo de inscrición aberto até o 20 de xaneiro), Monte Alto (do 3 ao 14 de febreiro en horario de tarde, coa inscrición aberta entre o 27 de xaneiro e o 3 de febreiro) e Ágora (do 10 ao 21 de febreiro en horario de 9:00 a 12:00 horas e coa inscrición aberta entre o 3 e o 8 de febreiro).
· Configuración do teléfono móbil. Aprendizaxe a un nivel básico nos centros Rosales (con tres quendas: do 27 a 31 de xaneiro, do 17 ao 21 de febreiro e do 23 ao 27 de marzo), Ágora (do 23 ao 27 de marzo en horario de tarde, coa inscrición aberta a partir do 16 de marzo) e Fórum Metropolitano (do 2 ao 6 de marzo, en horario de tarde, e co prazo de inscrición aberto entre o 24 e o 29 de marzo).
· Procesador de textos. Aprendizaxe para dar os primeiros pasos no deseño, elaboración e impresión dun documento. Será na Biblioteca Sagrada Familia, do 17 ao 21 de febreiro (15:00-18:00). A inscrición ábrese do 10 ao 15 de febreiro.
· Seguridade en Internet. Coñecementos para configurar e preparar o teu dispositivo dixital para un uso seguro. Será na Biblioteca Monte Alto, do 09 ao 13 de marzo (9:30-12:30). A inscrición ábrese do 02 ao 09 de marzo.

PUBLICIDADE