As cámaras Sony NEX-3 e NEX-5 combinan tamaño compacto e obxectivos intercambiables

martes, 11 de maio do 2010 Marcus Fernández

Como alternativa aos sensores micro catro terzos de Panasonic e Olympus dende Sony apostan polo CMOS de tamaño APS-C, coma o que adopta a nova familia NEX, que conta cun sensor Exmor APS HD CMOS de 14 Mpíxeles, un corpo de magnesio atractivo e lixeiro (menos de 300 gramos con batería) e obxectivos intercambiables, que non conformes con esas vantaxes tamén permiten realizar ráfagas de 2,3 ou 7 imaxes por segundo, contan cunha sensibilidade de entre 200 e 12.800 ISO e, aparte das clásicas tarxetas Memory Stick Pro, tamén son compatibles con tarxetas SD/SDHC/SDXC.
Non falta nestas novas cámaras a realización de fotografías panorámicas, a detección de sorrisos e rostros, flash integrado no corpo, pantalla de 3 polgadas abatible, controis manuais e a posibilidade de tomar fotografías en formato RAW.
No tocante á gravación de vídeo, a cámara Sony NEX-3 permite unha resolución máxima de 720p en MPEG-4, mentres que a Sony NEX-5 chegaría ata vídeo a 1.080i en AVCHD a 17 Mbps, superando á meirande parte dos seus competidores neste aspecto. Ambas cámaras incorporan micrófono estéreo e permite o uso dun micrófono externo.
A Sony NEX-3 cun obxectivo E de 16 mm f/2.8 porase á venda en xuño por uns 500 euros, mentres que o kit básico da Sony NEX-5 coa mesma lente custaría 100 euros máis. Uns prezos bastante atractivos para unhas cámaras dixitais que combinan con bastante fortuna as bondades de cámaras compactas e réflex.

As novas cámaras de Sony permiten o uso de obxectivos intercambiables e integran flash no seu corpo


Anuncio das cámaras Sony NEX que destaca a súa intuitiva interface de usuario

PUBLICIDADE