As claves da excelencia profesional, ao detalle nunha nova edición do curso de axilidade avanzada de Vitae

martes, 29 de setembro do 2020 S. P.

Vitae Consultores volve este outono cunha nova edición, a cuarta, do seu Curso de Axilidade Avanzada para Scrum Masters e Equipos Scrum, impartido novamente por Javier Garzás, experto en recursos innovadores para a materialización óptima de proxectos. Será unha nova oportunidade para que os nosos profesionais do ámbito tecnolóxico poidan dar novos pasos no camiño da excelencia. Serán oito horas de formación coa posibilidade de obter a Certificación Scrum Manager. Celebrarase, garantindo a seguridade e o distanciamento, a través da Aula Virtual de Vitae, os días 26, 27, 28 e 29 de outubro. Será de luns a xoves, en horario de 17.00 a 19.00 horas.
O curso ten a súa orixe en responder a unha das grandes demandas actuais dos profesionais adestrados en modelos de traballo áxiles (Scrum, XP, etc): a necesidade de seguir avanzando cara a novos chanzos de excelencia e coñecemento sobre a dita base. “Con este curso”, informa Vitae, “poderemos obter algo único: todo tipo de claves e recursos (ideas, roteiros, camiños, materiais, guías) para evolucionar profesionalmente en axilidade”.
O obradoiro está dirixido a persoas con experiencia previa en axilidade e Scrum, aínda que non sexa unha base de gran amplitude. Tamén está concibido para aqueles profesionais que xa asistiran a cursos de introdución sobre as devanditas metodoloxías de traballo, sen que sexan requiridos coñecementos técnicos avanzados sobre as materias.
O temario inclúe (entre outros) os seguintes contidos: xestión do cambio áxil (o que ten funcionado e o que non), técnicas de gamificación na implantación áxil, como planificar a medio prazo (portfolio e mapas de estrada) sen deixar de sermos áxiles, estimación áxil avanzada, maneiras de traballar que non son áxiles, a importancia das retrospectivas ou unha explicación básica e potencial sobre eXtreme Programming.
A persoa encargada de impartir os contidos é Javier Garzás, doutor cum laude e enxeñeiro superior en Informática. Con estudos post-doutorais e investigador convidado na Universidade Carnegie Mellon dos Estados Unidos (onde desenvolveu tarefas de investigación en metodoloxías áxiles), é experto en equipos profesionais e en recursos innovadores para a materialización de proxectos avanzados. Até o de agora ten axudado a máis de 80 empresas a mellorar os seus procesos de xestión e traballo. A día de hoxe é profesor titular na Universidade Rei Juan Carlos. Adícase a axudar a empresas que fagan mellor software (en tempo, con produtividade, con calidade e con felicidade). É autor do blog www.javiergarzas.com, que conta cunha media de 2.500 visitas diarias.