As comunidades con lingua propia recoñecen o proxecto audiovisual galego Pensión incompleta
martes, 21 de abril do 2026
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou a semana pasada en Bilbao na comisión de seguimento do protocolo de colaboración en materia de política lingüística subscrito polos gobernos de Galicia, Cataluña, Euskadi, Navarra, Valencia e Illas Baleares, unha reunión que se produce cada ano no marco da cooperación entre os departamentos desta materia das comunidades autónomas con lingua propia.
Ao abeiro desta xuntanza, o grupo decidiu recoñecer co Premio á Diversidade Lingüística do Estado Español a serie galega Pensión incompleta, a primeira rodada nas catro linguas oficiais de España e producida por EITB, TVG, 3CAT e Voz Audiovisual.
García mostrou a súa satisfacción porque se trata “dun proxecto pioneiro que leva selo galego e no que colaboramos directamente desde o Goberno autonómico cunha axuda á produción de 240.000€”. Tamén destacou que o recoñecemento “pon en valor a fórmula de colaboración entre televisións autonómicas para levar a cabo unha produción audiovisual que, a través dunha estrutura narrativa compartida, retrata a riqueza cultural, lingüística e natural dos diferentes territorios”.
Amais, García lembrou que o premio distingue o labor realizado por persoas, entidades ou empresas no ámbito da defensa e a promoción da diversidade lingüística, e que que foi concedido por última vez en 2020 a outro proxecto galego, concretamente ao disco multilingüe Immersión, no que a artista Guadi Galego incluíu cancións en sete linguas peninsulares.
Durante a xuntanza fíxose repaso dos avances levados a cabo sobre algúns asuntos que se trataron en 2025 no encontro que tivo lugar en Santiago de Compostela. Trátase de cuestións que teñen que ver coa situación das linguas nos ámbitos non formais, especialmente no que se refire á mocidade, “no que o Goberno galego está a incidir con distintas medidas formuladas ao abeiro do Pacto pola Lingua”, apuntou Valentín García.
