As comunidades dixitais da cidade do Lérez teñen un novo espazo de participación: Pontevedra gHUB

venres, 2 de decembro do 2022 S. P.

O edil de Xuventude e Novas Tecnoloxías, Alberto Oubiña, presentou esta semana o novo proxecto impulsado desde o Concello e que leva por nome Pontevedra gHUB. Trátase, dixo, dun punto de encontro para as comunidades dixitais que existen na cidade, ou que parten da mesma.
“É un proxecto no que levamos traballando desde hai máis dun ano e que agora ve a luz ou, polo menos, conta xa cunha parte visíbel coa que se pode interactuar”, explicou, engadindo que previamente houbo durante meses un exhaustivo proceso de escoita para identificar todos os axentes, ou a maior parte deles, que operan en Pontevedra no ámbito dixital “e nas súas múltiples capas”. Respecto do nome da iniciativa Oubiña fixo referencia ao significado orixinal da palabra “hub”, e esa ampliación semántica e retranqueira ao engadirlle o “g” diante, introducindo o noso factor “gheada”.
Ao abeiro do proceso de desenvolvemento do Pontevedra gHUB achouse xente do mundo dos videoxogos, como a asociación Gaming Troop ou a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI) que conta con representantes en Pontevedra; artistas especializados no dixital, xente desde ESDEMGA no eido da moda, o deseño web e mesmo influencers, creadoras de contido relacionado coa cidade ou coas súas vidas. “Todas estas persoas forman a chamada comunidade dixital pontevedresa que foi atopada nesta busca activa desde o Concello”, sinalou o edil, aclararon que un dos obxectivos foi “avanzar e afondar en dúas capas diferentes, dunha banda a capa dixital, en base a unha web que estamos a crear e que está en proceso de medrar; doutra banda, hai unha capa física na que as persoas poderán atoparse, coñecerse e estreitar posíbeis lazos a través dunha serie de encontros e un diálogo activo”.
Oubiña tamén informou que un dos retos de gHUB Pontevedra é a creación dun catálogo público, conectado a través da web, no que as persoas da comunidade dixital poderán coñecerse e expoñerse, tanto entre elas como ao público.
Afondando na capa presencial, na capa física, o programa de encontros xa está en funcionamento. Este 28 de novembro xa foi realizado un encontro informal no Pazo da Cultura que tivo continuidade o este mércores 30 cunha charla da xornalista e directora de Vinte María Yáñez. Ás 17 horas tamén houbo unha sesión práctica.
Este venres 2 de decembro, ás 19 horas, tamén está programada outra cita con Marta Verde, artista visual e creadora dixital pontevedresa, colaboradora na actuación das Tanxugueiras no Benidorm Fest, que ofrecerá a súa experiencia na aplicación da arte dixital en propostas ao vivo. O día 3, ás 10 horas, fará un obradoiro de computer vision in comprocressing. Todas estas xuntanzas serán realizadas na sala VIP do Pazo da Cultura.

PUBLICIDADE