As conexións de banda larga son menos eficientes nos accesos de máis velocidade

venres, 12 de decembro do 2008 Marcus Fernández

As conexións de ADSL a 20 Mbps non chegan á metade da velocidade prometida

ADSLzone publica o II Estudo sobre a banda larga en 2008 no que se analizan as velocidades das distintas conexións de acceso á rede de alta velocidade que están dispoñibles no mercado español, confirmando unha vez máis que a máis velocidade prometida menor é a eficiencia das conexións, o que nas conexións ADSL de 20 Mbps se traduce nunha velocidade inferior á metade do prometido.

O estudo en formato PDF

Concretando, as conexións de 1 Mbps teñen unha eficiencia media do 76,7%, as de 3 Mbps cumpren co 74,5% da velocidade, os accesos de 6 Mbps quedan no 72,2% de eficiencia e no caso de conexións de 20 Mbps cae ao 39,9% de media (sendo a eficiencia máis alta dun 47% por parte de Jazztel). Estes datos indicarían unha mellora lixeira nas velocidades de descarga en España, aínda que no caso da velocidade de subida quedaría inalterada, sendo un dos factores nos que as conexións españolas quedan en peor lugar, o que dificulta a publicación de contidos audiovisuais na Internet ou a compartición de ficheiros.

R, líder en velocidade de descarga

R é a operadora de cable que achega máis velocidade nas súas conexións de 12 Mbps

O caso do operador galego de cable R mereceu un apartado dentro do estudo, cun resultado bastante contraditorio, pois as súas conexións de 3, 6 e 12 Mbps conseguiron as mellores eficiencias de España na velocidade de descarga á vez que as súas velocidades de subida nas 2 primeiras modalidades quedaron como as máis lentas.
A eficiencia dunha conexións de 3 Mbps de R sería do 87,5%, a de 6 Mbps baixaría ao 81% e a de 12 Mbps acadaría un destacable 84,23%, quedando pendentes de análise as conexións de 30 e 100 Mbps que están xa dispoñibles nas zonas con cobertura da tecnoloxía DOCSIS 3.0 que durante 2009 chegará á meirande parte dos clientes do operador galego.
As mostras deste estudo tomáronse entre os días 16 de novembro e 9 de decembro, e deixaron en evidencia as deficiencias das conexións a 20 Mbps (que á vista do presentado deberían venderse coma de 9 ou 10 Mbps) e tamén nos podería sorprender cómo R é a operadora de cable que dá maior velocidade de subida e baixada nas conexións de 12 Mbps, continuando coa boa racha no tocante aos resultados deste tipo de estudos.

PUBLICIDADE