As consolas Xbox iniciarán o venres as rebaixas do Black Friday

luns, 14 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Dende Microsoft son moi conscientes da proximidade do Black Friday, e para que os seus seareiros poidan ir adiantando as súas compras anuncian que non só terán ofertas no Black Friday e no Cyber Monday, senón que principiarán as ofertas na súa tenda dixital o vindeiro día 18, inicialmente para subscritores Gold e a partires do día 22 incluíndo ao público xeral, de xeito que até o día 28 haberá numerosos xogos a prezos moi interesantes (sobre os que os usuarios Gold tamén aforrarán un 10% adicional).
As ofertas chegarán tamén aos xogos co selo Xbox Anywhere (ou sexa, que poden xogarse en PC sen custo adicional), e tamén adiantan que a tenda de xogos para Windows 10 contará con importantes descontos en xogos como Quantum Break, Rise of the Tomb Raider, Batman: The Telltale Series e Ori and the Blind Forest: Definitive Edition.
Microsoft tamén lanzarán durante a vindeiras datas promocións en tendas físicas, que incluirá descontos na compra dunha consola nova, en subscricións a Xbox LIVE Gold e incluso en auriculares e mandos sen fíos. En definitiva, que Microsoft quere continuar o pulo que leva en varios países nos que leva meses vendendo máis que Sony, en boa medida pola boa aceptación que está a ter a Xbox One S, redeseño da Xbox One que aparte de ter un deseño máis optimizado, destaca por poder reproducir películas en formato Blu-ray 4K Ultra HD, mentres que a PS4 Pro parece ignorar os soportes físicos de ultra alta definición.

Durante os vindeiros días tamén será posible atopar nas tendas ofertas en consolas e accesorios da familia Xbox

PUBLICIDADE