As consolas de videoxogos portátiles non deben usarse a máis de 35°C

xoves, 21 de xullo do 2022 Marcus Fernández

Nestes días de altas temperaturas é habitual que certas compañías dean recomendacións sobre as precaucións que deben tomarse con produtos electrónicos, xa que a calor é un grande inimigo dos mesmos, pero desta volta resultou curioso que fosen os fabricantes de dispositivos de xogo portátiles os que lanzasen estas advertencias, probablemente porque até o momento as consolas portátiles era dispositivos pouco potentes que non eran tan susceptibles á calor.
Por unha banda destacan que a Steam Deck, consola de Valve, está pensada para funcionar entre 0° e 35°C, e o superarse os 35°C a máquina comezará a reducir o seu rendemento para protexerse das altas temperatura. De feito, o seu procesador está pensado para operar correctamente até a 100°C, apagándose automaticamente se detecta que chega aos 105°C.
É curioso que este aviso chegue poucos días despois de que Nintendo advertise de que a Switch está pensada para funcionar entre 5° e 35°C, polo que dan a entender que a consola pode danarse de empregarse cando fai moita calor, o que debería terse moi en conta especialmente no verán, cando algúns poden ter a tentación de usar a consola na praia ou no coche, expostos a unha elevada radiación solar que pode prexudicar seriamente á Nintendo Switch. Cómpre destacar que, no caso de empregar a consola conectada ao televisor, hai que procurar que estea nun lugar no que poida circular o aire, para que non se acumule a calor, e tamén é importante manter limpas as grellas de ventilación da propia consola.

PUBLICIDADE