As cousas que Ferrolterra pode extraer de Silicon Valley, ao detalle nunha xornada da AEF

venres, 15 de decembro do 2017 Redacción

A Asociación de Empresarios Ferrolterra quere despedir o ano “na compaña de socios, colaboradores e amigos”. Por esta razón, vén de convocar unha xornada de implicación e confraternización, Ferrotera participa. A cita será o martes 19 de decembro, a partir das sete da tarde, no Sercotel Odeón. Primeiro celebrarase a presentación da xornada, a cargo de José Ramón Franco, presidente da AEF e logo, a partir das 19.15, desenvolverase unha conferencia sobre as posibilidades das novas tecnoloxías para sermos máis competitivos, facéndose fincapé en dúas vertentes: nas oportunidades que se abren co desenvolvemento de novas ferramentas e servizos, e nas oportunidades que se abren empregándoas de apoio para a nosa actividade empresarial. Este relatorio correrá a cargo de Enrique de la Rica, profesor da Galicia Business School, referente internacional no eido da innovación.
A conferencia de Enrique de la Rica desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: Cara a un modelo produtivo centrado na innovación. Que podemos trasladar de Silicon Valley á realidade de Ferrolterra? O relator achegará aos empresarios locais claves e ideas de boas prácticas orientadas a impulsar o desenvolvemento produtivo e económico da comarca de Ferrol.
Logo da devandita sesión, o presidente da AEF, presentará Ferrolterra participa, que iniciará o vindeiro martes a súa andaina e terá continuidade durante o vindeiro mes de xaneiro, cunha mesa de traballo sobre aspectos económico-empresariais e demográficos-sociais en Ferrol, Eume e Ortegal, e que dará continuidade ao Diagnóstico socioeconómico comparado de Ferrol e área de influencia presentado este ano.

PUBLICIDADE