As cousas que pode facer a IA para a nosa empresa, ao detalle nunha xornada da Cámara de Santiago

luns, 2 de xuño do 2025 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago organiza a vindeira semana, o mércores 11 de xuño, unha nova xornada de transformación ao servizo das pemes e das persoas autónomas da demarcación: o seminario en liña Ferramentas de IA para o Marketing Dixital. Terá catro horas de duración e celebrarase en horario de 10.00 a 14.00 horas. Será impartido polo experto Javier Rocamora.
O obxectivo é “dotar aos asistentes de coñecementos básicos e prácticos para comenzar a usar ferramentas de Intelixencia Artificial aplicadas á mercadotecnia dixital”.
Trátase dun curso especificamente dirixido a persoas autónomas, pemes e emprendedores.
Tocaranse os seguintes contidos: o concepto de IA, as novas ferramentas de IA (LLM, creación de imaxes, creación de vídeos, IAs de son, voz e música), a importancia dos prompts (como podemos aprender a falar cunha IA), as aplicacións das ferramentas intelixentes na mercadotecnia dixital (análise de mercado, redacción de textos publicitarios, redacción de posts para o noso blog, creatividade gráfica asistida por IA, creación de música libre de dereitos, a IA e o posicionamento, a análise dos datos empregando a IA) e o impacto da IA na nova mercadotecnia (a nova era da busca e o procesamento da información).
O relator será Javier Rocamora García, consultor autónomo especializado e con dilatada experiencia en marketing dixital, xestión de redes sociais e comercio electrónico desde 2008, operando baixo a marca comercial As 3 En Punto. Rocamora é profesional autónomo e Axente Dixitalizador rexistrado por Red.es para as solucións de web e presenza básica en Internet, comercio electrónico, xestión de redes sociais e presenza avanzada en Internet.