As cousas que poden facer as TIC pola fala e a comunicación, ao detalle no CCG

luns, 15 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

JPEG - 198.6 KB
Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, nunha imaxe de Antonio Hernández para El Correo Gallego

Este 16 de outubro celébrase en Santiago unha xornada dirixida a avaliar en detalle até que punto as ferramentas tecnolóxicas poden axudarnos a comunicarnos mellor, e non todo o contrario: a erguer máis barreiras das que xa hai. Estamos a falar da xornada As tecnoloxías da lingua, que organiza o Consello da Cultura Galega na súa sede e que dá comezo ás 9.30 horas cunha sesión inaugural a cargo de Rosario Álvarez, presidenta do CCG; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Carmen García Mateo, coordinadora da xornada. Esta, que quere botar luz sobre as posibilidades que se abren ao converter a falta en texto ou coa tradución automática en liña, contará coa presenza de responsábeis de Google, RTVE, Galma ou Vicomtech.
As sesións da xornada, que vén da man da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega, centraranse no papel que poden xogar as tecnoloxías lingüísticas como ferramentas facilitadoras para a comunicación entre persoas, con especial interese en dous eidos concretos: o da transcrición automática de voz a texto e o da tecnoloxía do procesado de linguaxe natural.
Respecto do programa de relatorios, darán comezo sobre as 9.45 horas coa intervención de Lourdes Lorenzo, do Departamento de Tradución e Lingüística da UVigo, quen falará sobre A accesibilidade aos contidos audiovisuais en Galicia (o estado da cuestión).
Máis tarde, ás 10.30 horas, será a quenda de Francisco Armero Real, director da Área de Accesibilidade de TVE, quen mostrará os traballos actuais da RTVE en materia de accesibilidade. Os relatorios proseguirán logo con Belén Ruiz Mezcúa (directora do Centro Español do Subtitulado e a Audiodescrición), quen falará sobre a evolución do subtitulado nas canles de TV estatais dende 2011. Sobre as 12.30 horas será a quenda de Pablo Romero-Fresco, director de GALMA (Observatorio Galego de Accesibilidade Aos Medios), quen fará unha análise sobre o subtitulado en directo a nivel nacional e internacional. As sesións de mañá rematan con Arantza del Pozo, directora do Departamento de Tecnoloxías da Fala e da Linguaxe Natural de Vicomtech, que fará un percorrido por casos de éxito no ámbito da subtitulación automática.
Pola tarde, José Ramón Pichel, de Imaxin Software, abrirá a sesión de intervencións cun relatorio sobre As tecnoloxías da linguaxe como facilitadoras de medios en galego. Máis tarde, ás 17.30 horas, será a quenda de Pedro J. Moreno, investigador de Google, quen achegará unha reflexión (vía videoconferencia) sobre Desenvolvemento de sistemas de recoñecemento de fala multilingües (o porqué de que Google desenvolva tecnoloxía en galego?).
Ás 18.30 horas falará Carmen García meto, directora do Grupo de Tecnoloxías Multimedia da UVigo, achegando unha panorámica sobre as ferramentas de tecnoloxías da fala en galego.

PUBLICIDADE