As dúas primeiras entregas de God of War para PS2 chegan á PS Vita

mércores, 7 de maio do 2014 Marcus Fernández

Os seguidores das aventuras do espartano Kratos que seguisen as súas aventuras na PlayStation 2 e 3 ou na PSP poden agora lembrar os seus primeiros videoxogos para PS2 nunha nova plataforma, a PlayStation Vita, que recibe esta semana God of War Collection, un recompilatorio que recolle os xogos God of War e God of War II a un prezo recomendado de 24,95 euros (facendo moi asumible revisar a lenda da Pantasma de Esparta).
Estes xogos contan a historia de Kratos dende a súa busca de vinganza contra o deus Ares, ata a súa ascensión ao Olimpo reclamando o posto do Deus da Guerra, para verse de novo traizoado polos deuses, o que o leva a unha nova batalla na que son numerosas as criaturas mitolóxicas ás que hai que facer fronte, para o que o heroe irase facendo con armas para potenciar os seus ataques.
Grazas á potencia da PS Vita, os xogos non perderán nada con respecto á versión de PS2 e, os usuarios que opten por mercar o xogo a través da PlayStation Store, recibirán como contraprestación a súa versión para PlayStation 3 grazas á función Cross-Buy, de xeito que poderemos vivir estas aventuras épicas fronte ao televisor ou en calquera lugar ao que levemos a última consola portátil de Sony.


Trailer de lanzamento de God of War Collection para PS Vita

PUBLICIDADE