As empresas Dell Technologies, DXC Technology e Taisa, Premio 18 Aniversario CPEIG
martes, 26 de maio do 2026
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai conceder o Premio 18 Aniversario CPEIG-A Noite ás empresas Dell Technologies, DXC Technology e Taisa. Será entregado no marco da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, o vindeiro 12 de xuño en Santiago.
O CPEIG recoñece de maneira especial ás tres empresas polo “seu compromiso e apoio continuado” ao evento durante máis de dez anos. “A súa fidelidade contribuíu de forma decisiva a consolidar esta cita como un dos grandes encontros anuais do sector tecnolóxico galego”, indica o presidente do Colexio, Fernando Suárez.
O Colexio destaca que este recoñecemento pon en valor “non só o respaldo sostido á profesión e ao ecosistema TIC de Dell, DXC e Taisa, senón tamén a súa aposta pola innovación, o talento e a colaboración entre empresas, institucións e profesionais”.
“Grazas a apoios como o destas compañías, a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia continúa crecendo edición tras edición como un espazo de referencia para visibilizar o impacto estratéxico da enxeñaría informática na sociedade e na economía galegas”, asegura Suárez.
Dell
O CPEIG salienta que Dell destaca pola “solidez do seu compromiso con Galicia”, cunha ampla traxectoria, unha proposta tecnolóxica integral e unha clara vocación de acompañamento a clientes e institucións.
Ademais, o Colexio lembra que Dell Technologies, fundada en 1984, consolidouse “como unha das grandes compañías tecnolóxicas do mundo”. Conta cun cadro de persoal aproximado de 120.000 profesionais, presta servizo en 180 países e traballa con organizacións de todos os tamaños, incluíndo o 98 % das empresas do Fortune 500. “Esta dimensión internacional”, engade o CPEIG, “apóiase nunha visión de longo prazo e nunha capacidade contrastada para axudar a empresas e administracións a enfrontar os seus procesos de modernización, crecemento e innovación, capacidade especialmente impulsada pola compra e integración en 2017 de EMC”.
A proposta de valor de Dell abrangue unha carteira completa de solucións do edgecore e ao cloud, con capacidades destacadas en infraestrutura, almacenamento, posto de traballo, redes, seguridade e servizos. Sobre esa base, a compañía reforzou, ademais, o seu papel como socio tecnolóxico en ámbitos especialmente relevantes para os seus clientes, como a nube híbrida, a protección do dato, a ciberseguridade, a modernización do centro de datos e a incorporación de capacidades vinculadas á intelixencia artificial e a analítica avanzada.
Esa posición é a que Dell pon ao servizo de Galicia. A compañía considera a comunidade “un territorio estratéxico dentro da súa actividade en España” e mantén unha atención directa a clientes da administración pública e do sector privado, acompañándoos nos seus procesos de transformación tecnolóxica.
Na actualidade, Dell participa en distintos proxectos no territorio vinculados á evolución de infraestruturas, a dixitalización de contornos críticos e o despregue de novas capacidades tecnolóxicas.
O Colexio lembra que “a aposta de Dell por Galicia responde tamén a unha forma de traballar baseada na proximidade, a especialización e a orientación a resultados”. E engade: “A compañía busca aportar non só tecnoloxía, senón tamén experiencia, capacidade de execución e acompañamento experto para axudar ás organizacións a gañar en axilidade, resiliencia, eficiencia e competitividade. Esa combinación de alcance global e proximidade ao cliente é un dos elementos diferenciais que Dell quere seguir reforzando no territorio”.
Xunto a esta relación directa con clientes, Dell continúa impulsando en Galicia o desenvolvemento da súa rede de partners. Esta rede inclúe importantes empresas galegas da contorna das tecnoloxías da información, coas que a compañía colabora para ampliar capacidades, reforzar a súa presenza no mercado e ofrecer unha resposta aínda máis próxima ás necesidades de organizacións públicas e privadas.
Segundo Dell, este recoñecemento do CPEIG pon en valor unha relación sostida no tempo co ecosistema tecnolóxico galego. Tras dez anos de patrocinio de A Noite, a compañía quere subliñar “a solidez do seu compromiso con Galicia” desde a fortaleza dunha empresa global, cunha ampla traxectoria, unha proposta tecnolóxica integral e unha clara vocación de acompañamento a clientes e institucións. “O recoñecemento do CPEIG supón moito máis que un aniversario. Representa a consolidación dunha relación de confianza con Galicia e o compromiso de Dell Technologies de seguir aportando ao territorio a capacidade, a innovación e a visión dunha gran compañía global, ao servizo dos retos presentes e futuros da transformación dixital”, sinalan desde Dell.
DXC
DXC conta en Galicia cun equipo de máis de 500 profesionais que desenvolven proxectos para empresas e institucións, como a receita electrónica e o portal é-Saúde
DXC Technology é unha consultora tecnolóxica presente en máis de 60 países, referente en transformación e innovación dixital, que impulsa solucións que impactan positivamente na vida das persoas. En Galicia, DXC conta cun equipo de máis de 500 profesionais e traballa coas principais empresas e institucións da comunidade, como a Xunta de Galicia, o SERGAS e a AMTEGA, para quen desenvolve proxectos en ámbitos como a receita electrónica e o portal é-Saúde, que achegan os servizos sanitarios dixitais á cidadanía galega.
DXC está especializada en proxectos de xestión de datos e intelixencia artificial que permiten ás organizacións tomar mellores decisións e gañar competitividade no mercado.
Ademais, a compañía mantén programas de colaboración coas tres universidades galegas, “contribuíndo á formación do talento tecnolóxico local e reforzando o seu vínculo co ecosistema académico e profesional da comunidade”, salientan dende o CPEIG.
Taisa
Taisa é unha compañía tecnolóxica con máis de 35 anos de traxectoria, especializada en infraestruturas IT avanzadas, ciberseguridade, computación na nube e intelixencia artificial. Con presenza en toda España, oficinas centrais en Madrid e delegacións en Galicia e Castela A Mancha, a compañía conta cun equipo de máis de 150 profesionais altamente especializados.
A súa axilidade, vocación innovadora e alianzas estratéxicas cos principais fabricantes tecnolóxicos internacionais permítelle acompañar aos seus clientes nos seus procesos de evolución tecnolóxica. O CPEIG salienta que “Taisa mantén unha sólida presenza na Administración Pública estatal, autonómica e local, así como en grandes organizacións privadas” e que Galicia ocupa “un papel clave na traxectoria da compañía, onde Taisa iniciou a súa actividade hai máis dunha década”.
Desde o seu equipo local, impulsa emprego especializado na rexión e participa en proxectos tecnolóxicos de referencia, reafirmando o seu compromiso co desenvolvemento dixital de Galicia.
A Noite
Representantes das tres empresas recollerán o galardón na gala da XVIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 12 de xuño no Hotel OCA Porta do Camiño de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos.
