As empresas TIC que queiran adherise ao programa de Bolsas Digitalent xa poden facelo

xoves, 14 de novembro do 2019 Redacción

A axencia autonómica AMTEGA publicou este xoves 14, no Diario Oficial de Galicia (DOG), a convocatoria para que as empresas tecnolóxicas poidan adherirse ao programa de Bolsas DigiTalent, que se dirixen a achandar o camiño para a hibridación entre o sector TIC e os perfís non dixitais. Ou sexa, para satisfacer a demanda cada vez maior de profesionais non tecnolóxicos a un sector tan decididamente transversal e diverso como o tecnolóxico. En total, ofértanse 50 prazas destinadas a estudantes de últimos cursos de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura.
Pola súa banda, as empresas colaboradoras deberán ter experiencia en proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas emerxentes tales como a análise da información a gran escala (Big Data), as tecnoloxías móbiles, o deseño de servizos e as aplicacións na nube, a ciberseguridade, a Internet das Cousas (IoT), a cadea de bloques (blockchain), a Realidade Aumentada, a Intelixencia Artificial ou os dispositivos para carrexar (wearables).
Segundo informa a axencia que dirixe Mar Pereira, as entidades poderán presentar as súas solicitudes até o 20 de novembro, así como as súas preferencias en canto ás áreas de coñecemento ou titulacións dos bolseiros en función das súas necesidades
Toda a información sobre o programa e os pasos a seguir para participar na iniciativa están na súa web. Neste espazo as empresas atoparán un formulario que, unha vez cuberto, poderán presentar a través da sede electrónica da Xunta. Toda vez que se remate o prazo, e unha vez sexan avaliadas as solicitudes, publicarase a listaxe de entidades colaboradoras que finalmente recibirán aos bolseiros para a realización das prácticas formativas.
Esta actuación “posibilita ás empresas tecnolóxicas o acceso a unha canteira de talento para cubrir vacantes de postos que precisan da confluencia das TIC co resto de ámbitos de coñecemento”, sinala AMTEGA.
No mes de xaneiro, logo da selección das entidades colaboradoras, publicarase unha convocatoria dirixida a estudantes matriculados en calquera das universidades galegas menores de 31 anos e que teñan superado o 75% dos créditos e menos do 100%, para que poidan presentar as candidaturas para participar no programa.

PUBLICIDADE