As empresas da contorna compostelá terán acceso a 100 millóns de crédito para dixitalizárense

luns, 17 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Financiamento para dixitalizar a nosa empresa e acadar meirande competitividade económica. De lograr isto é do que trata, en parte, o acordo asinado hoxe pola Cámara de Comercio de Santiago e o banco SabadellGallego, un convenio de colaboración dirixido, nas súas palabras, a facilitar que as firmas, autónomos e comercios asociados á entidade compostelá poidan “beneficiarse de liñas de crédito” para financiar diversos procesos de innovación. Por exemplo: acceder a novos mercado ou mesmo incorporar as TIC ao quefacer diario.
O acto de sinatura, que se celebrou no salón de actos da Cámara compostelá, estivo presidido polo presidente desta entidade, José Sierra, e o director xeneral de SabadellGallego, Pablo Junceda. Segundo informaron, o acordo abre unha vía directa a unha liña de crédito de 100 millóns de euros, que é a que destina a banca a achegar cobertura para as necesidades das firmas da cámara compostelá.
Ademais de trasladar ás empresas as liñas de financiamento e servizos do banco, o convenio establece que a Cámara promova seminarios e conferencias relacionadas con cuestións financeiras. Pola súa parte, SabadellGallego porá a disposición dos membros da entidade compostelá xestores especializados en plataformas de pagos ecommerce para “facilitarlles solucións diferenciadas e seguras, así como outros servizos no ámbito das vendas por Internet”.

PUBLICIDADE