As empresas de xogo galegas póñense en pé de guerra contra o regulamento de máquinas de azar en liña
mércores, 9 de abril do 2014
A Asociación Galega de
Empresas Operadoras (AGEO)
vén de amosar a súa preocupación sobre o
proxecto de lei para a autorización de máquinas de azar en liña
(ou slots), unha iniciativa que poría en perigo, sinalan os
integrantes da plataforma, o xogo presencial na nosa terra, “amais
dun dano irreparábel para o sector”. Segundo engaden, a norma non
establece límites de premios máximos (que poderían chegar a varios
millóns de euros), permite a publicidade (algo prohibido para as
empresas tradicionais) e fomenta a competencia desleal favorecendo ao
sector dixital, “que non xera emprego nin riqueza en Galicia”.
A patronal sectorial
amosou a súa confianza en que o Goberno galego presente alegacións
a este proxecto que “vai en contra da normativa autonómica, tal e
como xa o fixeron outras Comunidades”. Lembrar que o devandito
proxecto vén da man do Ministerio de Facenda, que quere avanzar no
regulamento das máquinas recreativas en Internet. Estes e outros
datos foron achegados este mércores en rolda de prensa polo
presidente de AGEO, Serafín Portas, que recorda que o proxecto de
lei empraza un escenario de mercado onde sería imposíbel xogar de
igual a igual: “A través dos operadores en liña, os xogadores
poden gañar cantidades sen límite, como imos competir con iso?”.
Ao seu xuízo, a medida podería implicar a nivel estatal a perda de
26.000 postos de traballo.