As empresas do Clúster Audiovisual estreitan vencellos coa industria portuguesa dos contidos dixitais

martes, 14 de setembro do 2021 S. P.

Co obxectivo de impulsar a creación dos contidos dixitais en Galicia e de fomentar a internacionalización deste puxante sector da nosa terra, o Clúster Audiovisual Galego organizou este mes de setembro unha misión comercial inversa con Portugal. A través dela materializáronse frutíferos encontros entre produtoras galegas e empresas do país irmán, no marco da oitava edición do festival Carballo Interplay, que se desenvolveu entre os pasados días 8 e 11 nesta localidade coruñesa.
A iniciativa do Clúster serviu, en palabras da alianza empresarial galega, para “poñer en contacto compañías do audiovisual galego coa delegación empresarial portuguesa, compartir experiencias e encontrar puntos de encontro empresariais que desemboquen en posibles novos proxectos”.
Entre as produtoras, canles e creadores de contidos dixitais que formaron parte da delegación portuguesa estaban RTP (televisión pública de Portugal), Canal 180, Promenade Films, Ankylosaur, MT 360 Lda., Galo Bravo, PiXBee ou TODOS Creative & Production Force.
No marco desta misión comercial, o Clúster organizou reunións entre empresas galegas e portuguesas co apoio financeiro do IGAPE, Xunta de Galicia e UE a través do Programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, que inclúe a realización de misións comerciais inversas.
“Con estes encontros”, engadiron fontes do clúster galego, “deuse a coñecer ao exterior todo o potencial das nosas empresas e establecéronse posíbeis fórmulas de cooperación en novos formatos entre ambos territorios”.

PUBLICIDADE