As empresas do Clúster TIC espertan vocacións STEM entre a rapazada galega

martes, 19 de novembro do 2024 S. P.

A semana pasada comezou unha nova edición do programa Que non te líen. Ti elixes!, impulsado pola Xunta de Galicia, e no que colabora o Clúster TIC Galicia co obxectivo de promover as vocacións STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) entre o alumnado galego de 3º e 4º de ESO.
Ata o 10 de decembro, distintas profesionais das empresas socias do Clúster visitarán ata 16 centros de ensino de toda a xeografía galega para favorecer a orientación vocacional libre de estereotipos na elección de ciclos de formación profesional con menor presenza de mulleres.
Tamara Cutrín Millán, responsábel de persoas e cultura en Teimas, empresa galega centrada en proporcionar ferramentas tecnoloxías avanzadas para o tratamento sustentábel de residuos, foi a encargada de inaugurar este novo roteiro en Maceda (Ourense), ofrecendo unha charla aos estudantes do IES San Mamede.
Esta iniciativa está promovida pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e pola Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
O Clúster TIC Galicia xa colaborou con este programa educativo o curso pasado, cando 14 mulleres profesionais das nosas asociadas ofreceron diferentes relatorios en centros de ensino galegos.