As empresas galegas de software reclaman a resolución das axudas á Empresa dixital

xoves, 3 de novembro do 2011 Raquel Noya

José María López Bourio, presidente de AGESTIC, nun acto recente

As asociacións galegas Eganet, Agasol e Agestic, veñen de facer público o seu malestar pola falta de información sobre a resolución da liña de axudas que propuxo a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, e que ía destinada a fomentar proxectos tecnolóxicos abordados dende a cooperación empresarial.
Segundo afirman, a SXMIT anunciara o pasado 19 de abril deste ano a creación dunhas axudas destinadas a fomentar proxectos de carácter tecnolóxico, para o que contaba cunha contía de 2,9 millóns de euros; “Esta liña permitiría que todas as empresas galegas, independentemente do seu ámbito de actividade, puideran introducir aplicacións tecnolóxicas que melloraran a súa calidade e produtividade”, afirman, “unha posibilidade que melloraría a actual situación, xa que todos os indicadores poñen a Galicia na cola en canto a uso de TIC” engaden.
Xa que logo, e ao non obter información ningunha ao respecto, as devanditas entidades instan “a unha rápida resolución destas liñas de axuda para que o traballo xa feito non sexa en balde e as empresas beneficiarias poidan entregar a documentación no prazo establecido”, pois segundo o artigo 19 das bases da convocatoria, as entidades beneficiarias deberán presentar toda a documentación requirida antes do 15 de novembro, no caso de proxectos dun ano, e antes do 30 de xuño de 2012 para proxectos bianuais.
Dende as asociacións salientan que “a orde publicouse e os proxectos foron presentados dentro do prazo establecido -19 de maio de 2011-”, o que supuxo “un grande esforzo por parte do sector do software galego para convencer, propoñer e atraer ao tecido produtivo galego para que se acollera a este plan que lle axudaría a desenvolver aplicacións específicas e á medida das súas necesidades e competencias en materia TIC”.
As entidades afectadas pola falta de información aseguran que isto pode traer “graves consecuencias non só para o sector TIC senón para todas as empresas dos distintos sectores que culpan ás propias empresas promotoras”. Ao que engaden que “é unha situación de desconfianza que prexudica gravemente ao sector TIC galego que traballa para que o desenvolvemento da sociedade da información e da comunicación en Galicia se poña ao nivel europeo”.
Xa que logo, as patronais do software galego, Eganet, Agasol e Agestic, no nome de tódalas empresas que representan, piden unha urxente e rápida resolución da convocatoria, “para que o traballo desenvolvido até o de agora non se vexa defenestrado e que a situación de desconfianza no sector TIC non se estableza como premisa para outros sectores empresariais”.
De non haber unha decisión rápida por parte dos órganos responsables da adxudicación, os afectados advirten que “as empresas veranse na tesitura de anular o proxecto presentado ou de apresurarse no seu desenvolvemento, o que non garantiría a calidade inicialmente prevista”, afirman.

PUBLICIDADE