As empresas galegas intensifican a súa aposta pola innovación tecnolóxica, segundo o Informe ARDÁN
mércores, 24 de xullo do 2024
A Zona Franca de Vigo e a UVigo presentaron esta semana o Informe ARDÁN Galicia 2024, ferramenta referencial para a análise da evolución do tecido empresarial da nosa terra, que ofrece ao ecosistema de empresas e institucións información útil para a toma de decisións. Novamente constatouse na investigación unha importancia cada vez maior da innovación tecnolóxica no tecido produtivo galego, abranguendo todos os sectores.
O delegado da Zona Franca, David Regades, acompañado dos catedráticos da UVigo Santiago Lago, Belén Fernández-Feijóo e Xosé H. Vázquez, detallou os datos globais do informe que revela que o conxunto das 41.886 sociedades analizadas alcanzaron en 2022 137.000 millóns de euros en ingresos de explotación, un 9,4% máis que no ano anterior, e xeraron 32.135 millóns de valor engadido bruto, que supuxo unha achega ao PIB de Galicia do 46%.
Segundo indicou Regades, as empresas obtiveron uns beneficios globais de 1.175 millóns de euros e achegaron 235 millóns, vía impostos. Pola súa banda, a creación neta de postos de traballo foi dun 6,28%. Nunha comparativa sobre o emprego respecto á situación antes da pandemia, por cada cinco postos de traballo de 2019 existe un novo actualmente.
O documento tamén constata unha mellora das medias en actividade e eficiencia. O resultado neto de explotación medrou a un ritmo do 7,2% e o resultado do exercicio ao 6,3%. A rendibilidade económica e a rendibilidade financeira alcanzaron rexistros tamén superiores aos do ano anterior, situándose no 3,99% e o 7,6%. Tamén mellora a marxe de explotación, a rotación dos activos e a rotación das existencias.
Doutra banda, un total de 1.289 compañías galegas superan os restritivos criterios para obter algún dos 10 indicadores ARDÁN, o que representa o 3,5% do total analizado. A firma viguesa ROEIRASA é a única en Galicia que alcanza os 6 indicadores; outras seis firmas galegas logran entre 4 e 5 galardóns nesta edición.
Vigo volve estar á cabeza das contornas industriais e innovadoras galegas, de feito o tecido empresarial implantado na comarca supón o 20% das empresas analizadas, que contribuíron ao total de Galicia co 25% dos ingresos de explotación.
Respecto do factor innovación, o informe destaca que “as empresas continúan demostrando o seu compromiso innovador, crucial para o seu crecemento e competitividade global”, constatándose que o 67% das firmas implementou melloras significativas nos seus procesos internos mellorando capacidade e flexibilidade na produción. Un 19% reportou cambios organizativos e obsérvase tamén unha mellora nas innovacións financeiras e modelos de negocio. O informe salienta tamén que “as empresas non só están a innovar en tecnoloxía, senón transformando as súas estruturas organizativas e procesos para adaptarse mellor ás esixencias do mercado global”.
No top 10 de empresas innovadoras galegas figuran as seguintes, nesta orde: Galchimia, Marine Instruments, Análisis y Soluciones de Ingeniería, Quobis Networks, Blanco Mayer, HERMASA Canning Technology, Sixtema Proyectos de Información, CO2 Smart Tech, Citanias Obras y Servizos e Sistemas Audiovisuales ITELSIS. Nos seguintes postos da lista aparecen máis empresas do ámbito das novas tecnoloxías: Igalia, Innovalabs, Servizos de Mantenimiento y Limpieza Tere, Torus Software Solutions e Eccocar Sharing.