As empresas galegas, por riba da media estatal en uso de tecnoloxías disruptivas

venres, 14 de maio do 2021 S. P.

O Observatorio da Sociedade e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da axencia autonómica AMTEGA, vén de presentar o seu novo informe sobre o nivel de transformación das nosas empresa e a presenza nelas de tecnoloxas disruptivas, uns recursos que sen dúbida foron a máis debido ás necesidades marcadas pola pandemia. Segundo se fai saber na investigación, o noso tecido produtivo supera á media estatal en uso de ferramentas de análise de datos a gran escala (Big Data), de Internet das Cousas (IoT) e de robótica.
Ademais, o número de empresas galegas con menos de 10 persoas empregadas que dispoñen de internet de banda larga de 100 ou máis Mbps medrou un 93,2% entre 2019 e 2020, segundo os datos do informe A Sociedade da Información das Empresas de Galicia, no que tamén se fai saber que todas as empresas con 10 ou máis persoas traballadoras teñen contratado Internet. “No caso das firmas máis pequenas, un 78,6% dispoñen deste este servizo, o que sitúa a Galicia lixeiramente por enriba da media estatal, que é dun 78,2 por cento”, engádese.
Ademáis do incremento do 93,2% nas microempresas, as compañías máis grandes con banda larga tamén aumentaron nun 41,2%, e pasaron do 45,1% ao 63,7%.
Tecnoloxías disruptivas
En canto ao uso das tecnoloxías disruptivas, OSIMGA fai saber que “o chimpo experimentado entre 2019 e 2020 permitiu a Galicia situarse por enriba da media española”.
Así, o 18,6% das empresas de 10 ou máis persoas empregadas de Galicia utilizaron dispositivos interconectados con IoT, mentres que a media en España foi do 16,8 por cento. No caso das microempresas, o uso desta tecnoloxía en Galicia situouse na media estatal do 4,6 por cento.
O uso da robótica nas empresas máis grandes superou en 2020 nun 0,8% a media estatal do 8,9% ao acadar o 9,7%. En caso das microempresas tamén se superou cun 2% a media estatal, que foi do 1,8%.
A análise Big Data foi empregada polo 12,4 por cento das empresas con 10 ou máis persoas empregadas, 3,9 puntos máis que a media estatal.
As empresas galegas de 10 ou máis persoas empregadas ocupan o 2º lugar entre as Comunidades Autónomas españolas na internacción coas administracións a través de Internet e superan á media nacional en case 4 puntos.
O informe tamén reflite que as empresas con 10 ou máis persoas empregadas con paxina web creceron un 3,8 por cento ata chegar ao 80,9 por cento, co que superan por primeira vez a media estatal, que é do 78,1%.
TIC nos fogares
En canto ao uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) nos fogares, o informe salienta que, mentres a penetración destas tecnoloxías continúa a ser baixa debido as características da poboación, nas franxas de edade máis novas Galicia tamén supera á media estatan en canto ao uso de ordenadores e Internet.
Segundo os datos do INE, as persoas de entre 10 e 15 anos de Galicia que son usuarias de ordenador persoal son un 94,2%, fronte á media estatal do 91,5%. Nesta franxa de idade, as persoas usuarias de internet en Galicia representan un 95,7 por cento, unha porcentaxe tamén superior á media estatal, que é do 94,5%.

PUBLICIDADE