As empresas innovadoras do rural de Lugo mostran o seu quefacer aos estudantes

xoves, 10 de xaneiro do 2019 Redacción

Hoxe a Deputación de Lugo levou a cabo unha actividade para achegar á xuventude aos segredos do emprendemento innovador e, máis en concreto, ás amplas posibilidades que ofrece o rural da provincia para crear empresas, riqueza e postos de traballo. A actividade, inserida no Campus de Emprendemento Sostible da Deputación, desenvolveuse nas sedes das novas empresas Milhulloa e Arqueixal, ambas as dúas en Palas de Rei, e Artesanía e Calabazas Mago de Luz, no Corgo. Nas visitas participaron 15 mozas e mozos do IES de Becerreá. Segundo fixo saber a Deputación, as empresas como as devanditas “están a reinventar o rural de Lugo”. Asemade, son un exemplo de uso produtivo e rendíbel das tecnoloxías da comunicación e das redes sociais.
Na actividade de hoxe fixo acto de presenza o voceiro do Goberno provincial, Álvaro Santos Ramos, quen subliñou que “a través desta programación, impulsamos o emprego na provincia ofrecendo a emprendedores formación, asesoramento individualizado e coñecemento sobre iniciativas empresariais consolidadas”. Ademais, engadiu a aposta da Deputación por “ofrecer visitas ás empresas co obxectivo de abrir novos negocios ou reconverter os existentes, facéndoos máis competitivos e incrementando os seus beneficios”.
Como dixemos, as tres empresas rurais que visitaron hoxe as rapazas e rapaces son tres firmas lucenses referenciais en innovación e proxección, todas elas con crecente presenza na Internet e nas redes sociais: Milhulloa (impulsada por mulleres e adicada ao cultivo de plantas medicinais e aromáticas), Arqueixal (unha granxa familiar que produce leite fresco ecolóxico, queixos e iogures) e a Artesanía Calabazas Mago de Luz (emprazada no Corgo e centrada no deseño e elaboración de lámpadas con cabazas).
O Campus de Emprendemento Sostible, para quen non o saiba, é unha iniciativa pioneira da Deputación de Lugo que busca ofrecer formación e asesoramento de balde para xerar novas oportunidades no rural fomentando e impulsando o emprendemento na provincia. Cos seus obradoiros de motivación empresarial e de ideas os participantes coñecen o significado e a importancia de situar un negocio sustentábel na Reserva da Biosfera e a necesidade de crear novas fórmulas para emprender de maneira respectuosa co medio ambiente. Co obxectivo de axudar a novos emprendedores a coñecer a viabilidade dos seus proxectos, a Deputación tamén está a realizar obradoiros de maduración de ideas empresariais nos que participan persoas con avanzadas ideas de negocio e que contan, ademais, con asesoramentos personalizados no ámbito tecnolóxico, económico, comercial ou medio ambiental cara a posta en marcha dos seus negocios.
Dende a posta en marcha desta iniciativa, foron unhas 500 as persoas de todas as idades que recibiron esta formación de xeito totalmente gratuíto, creando 21 novas empresas na provincia.

PUBLICIDADE