As empresas perderán visibilidade en Facebook

venres, 12 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Dende Facebook veñen de anunciar os seus plans de mudar unha vez máis o xeito de seleccionar os contidos que amosarán nas nosas cronoloxías, que iranse aplicando nos vindeiros meses, e como obxectivo principal terán o incremento das interaccións entre as persoas achegadas, ou sexa, que as publicacións realizadas por páxinas de Facebook perderán peso unha vez máis.
Facebook priorizará as publicacións que inciten á interacción entre persoas, de xeito que procurarán predicir que publicacións son as que provocarán unha maior resposta por parte dos amigos, para amosalas antes que as demais, buscando así unha maior actividade na plataforma social, o que vai ter un serio impacto nos contidos publicados por páxinas, de xeito que a información distribuída por editores de contidos e negocios serán menos pública, aínda que iso dependerá moito de cada páxina, en función do volume de comentarios e reaccións que provoquen normalmente as súas publicacións. Paralelamente Facebook continuará a tomar medidas para evitar os cebos que levan anos intoxicando as nosas cronoloxías.
Aínda que Facebook venda estas medidas como unha vantaxe para os seus usuarios, é indubidable que este tipo de modificacións buscan unha vez máis que as marcas e os medios con presenza en Facebook teñan que contratar campañas publicitarias se queren que os seus contidos teñan visibilidade.

PUBLICIDADE