As entidades impulsoras da Cidade das TIC salientan o carácter histórico da sinatura do plan director

xoves, 2 de decembro do 2021 S. P.

Desde a esquerda, Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia; Inés Rey, alcaldesa da Coruña; José Miñones, Delegado do Goberno en Galicia; Julio Abalde, reitor da UDC; Francisco Conde, conselleiro de Economía; Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, e Susana Ladra, directora do Campus Innova.

Segundo informamos este mércores dende Código Cero, a biblioteca da antiga Fábrica de Armas da Coruña vén de acoller o acto de sinatura do convenio para a elaboración do Plan Director e Constitución da Estrutura de Co-gobernanza da Cidade das TIC. Foi asinado pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, en calidade de presidente do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE); o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González; o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde. Todos coincidiron no carácter histórico do acordo.
O reitor quixo manifestar a súa ilusión co arrinque definitivo deste proxecto, unha ilusión compartida polo resto de participantes na sinatura. Por exemplo a alcaldesa da Coruña, quen cualificou a formalización do convenio como “un momento decisivo” para A Coruña e a súa comarca, “o pulo decisivo para a posta en marcha dunha infraestrutura estratéxica para a cidade”. Inés Rey amosouse convencida de que o proxecto vai converter á Coruña nunha referencia nacional e internacional que xerará emprego e aumentará a competitividade da cidade.
Pola súa banda, o presidente da Deputación ratificou con contundencia a importancia do proxecto da Cidade das TIC. “Estamos sentando as bases do proxecto estratéxico máis importante para Galicia nos próximos anos” que vai cambiar “o modelo produtivo”. González Formoso recalcou ademais o apoio das diversas administracións nesta viraxe ao dixital da antiga Fábrica de Armas. “Nun contexto de incertezas que as administracións sexan capaces de unirse para sacar adiante un proxecto como este é vital”, dixo. “Este é o modelo que temos que seguir”, desexou.
Nesta liña de colaboración conxunta de distintas administracións incidiu tamén o presidente do Clúster TIC Galicia. “É moi difícil conseguir o que se consegue hoxe coa sinatura deste convenio pero o proxecto ben o merece”, continuou. Rodríguez del Corral asegurou que “a Cidade das TIC será o punto clave do apoio para todo sector industrial de Galicia e o grande xacemento de emprego dos próximos dez anos”. “É un elemento clave da economía do futuro de Galicia”, resumiu o empresario.
No menor tempo posíbel
O convenio ten como obxectivo “sentar os alicerces da colaboración entre as partes” para dinamizar a construción e dotación da Cidade das TIC de xeito que se poida materializar no menor tempo posíbel. Desta forma, as primeiras actuacións son a elaboración do Plan Director da Cidade das TIC e o deseño e posta en marcha da súa estrutura de gobernanza, cun prazo máximo de realización dun ano a partir da formalización do convenio.
O Plan Director establecerá a folla de ruta do proxecto da Cidade das TIC. Incluirá, entre outros aspectos, un plan estratéxico cos seus obxectivos a curto e medio prazo e un plan de xestión co deseño dun modelo de negocio sustentábel, ademais dun plan de sustentabilidade económico-financeiro e a constitución dunha nova sociedade xestora da Cidade das TIC.
A entidade xestora da Cidade das TIC será unha entidade decidida polos socios asinantes. Segundo confirmaron as entidades, á espera de que se constitúa formalmente haberá unha estrutura provisoria impulsada por unha comisión de seguimento presidida polo reitor da UDC, Julio Abalde, e formada por un representante de cada unha das entidades: a Xunta, a través do IGAPE; Deputación, Concello e Clúster.
O orzamento para a execución do convenio é de 180.000 euros, dos que o Concello da Coruña aporta 75.600€; a Xunta, a través do IGAPE, 36.000€; a Deputación, 36.000€; a UDC, 30.600€; e o Clúster, 1.800€.
Cidade das TIC
O 18 de febreiro de 2020 o Ministerio de Defensa resolveu outorgar unha concesión demanial á Universidade da Coruña sobre os terreos e as instalacións que conforman a propiedade denominada Fábrica de Armas da Coruña.
A Cidade das TIC desenvolverase na totalidade do terreo e comprende todos os inmóbeis da Fábrica de Armas. Cunha superficie aproximada de 127.943 m2, os seus principais predios están formados por sete naves industriais da antiga Fábrica: almacén xeral; prensas e canóns; revisión e metroloxía; forza, pulimento e tratamentos térmicos; mecanismos, montura e montaxe; diversas, electricidade, caldeiraría e soldadura; e tratamentos superficiais e areado, así como outros edificios do complexo. Sobre estas instalacións e terreos crearase a Cidade das TIC, un polo tecnolóxico e de innovación dixital de referencia a nivel nacional e internacional que “actúe como un demostrador de tecnoloxías emerxentes, de apoio ao tecido empresarial polo fornecemento de servizos tecnolóxicos avanzados non dispoñíbeis en Galicia, que facilite a instalación de empresas do sector e sirva como vector de crecemento e dinamización económica grazas á creación de startups, o impulso da I+D+i, o fomento do emprendemento e a atracción de empresas multinacionais”.
Segundo explicaron as entidades implicadas, “a Cidade das TIC será un ecosistema TIC dinámico e vangardista que combinará infraestruturas de innovación e servizos TIC avanzados para a innovación industrial; un campus tecnolóxico vinculado á UDC con cabida para un centro de I+D en novas tecnoloxías; unha incubadora empresarial de alta tecnoloxía centrada principalmente en Intelixencia Artificial e o Big Data; un centro demostrativo e de servizos avanzados que proporcione novos servizos tecnolóxicos ás empresas; espazos de formación e difusión TIC; un parque empresarial tecnolóxico-dixital para o aloxamento de pequenas e grandes empresas tecnolóxicas, e servizos de apoio á Cidade”.
O proxecto da Cidade das TIC está entre os candidatos a recibir fondos Next Generation.
O proxecto do arquitecto Carlos Pita foi o gañador do concurso para a rehabilitación da Fábrica de Armas como Cidade das TIC así como para o deseño do primeiro dos edificios, o CSA, que ocupará unha das naves da Fábrica de Armas. A previsión é que en xaneiro de 2022 comecen as obras de rehabilitación e que estea dispoñíbel a finais de 2022. Para o CSA proponse unha construción de 2.627 metros cadrados entre a planta baixa e a entreplanta destinados a empresas TIC; e 2.069 metros cadrados para laboratorios, aulas e zonas comúns (cafetería, espazos de traballo informais, instalacións...). O proxecto de Carlos Pita propón “a potenciación da tipoloxía basilical do edificio coa introdución dunha nova construción de madeira de 440 metros cadrados, destinado a aulas, coworking, cafetería e espazo informal”.
Esta nave acollerá empresas do sector tecnolóxico, para o que o Clúster TIC recibiu solicitudes formais para 17.000 m2 de superficie. O Clúster adxudicou os espazos ás empresas Imatia, Cinfo, ITG, Xoia, Enxenio, Odeene, Tokiota, Dataspartan, Soslife7 e Itelsis. Ademais recibiu a petición da firma Denodo para ocupar unha nave enteira.
A Universidade da Coruña convocou recentemente o concurso de ideas para o deseño do novo edificio Centro de Investigación TIC-Intelixencia Artificial (CITIC-IA) na Cidade das TIC, gañado pola proposta presentada por Guadalupe Piñera, Jesús Irisarri, Enrique Blanco, Patricia Sabín e Joaquín Martín.
Este edificio de nova construción será un centro de I+D+i denominado CITIC-IA. Ocupará unha superficie inicial de 6.500 metros cadrados construídos, pero contempla a posibilidade de crecemento ao dobre da súa superficie.

PUBLICIDADE