As entregas clásicas de Samurai Showdown poderán conseguirse de balde na Epic Game Store

mércores, 27 de maio do 2020 Marcus Fernández

A serie de xogos de Samurai Shodown conseguiu un grande éxito en máquinas recreativas Neo-Geo, cun total de 6 entregas que van reeditarse agora nunha colección que incluirá un título adicional inédito (Samurai Shodown V Perfect) que podería considerarse como a entrega definitiva da saga nacida en 1993 e que conseguira manterse viva até 2004 na súa forma clásica de xogos de loita en 2D.
Samurai Shodown Neogeo Collection verá a luz en PlayStation 4 e Nintendo Switch o 28 de xullo tanto en edición física como en formato descargable, mentres que en xuño estará dispoñible como descarga para PC, sorprendendo polo feito de que unha semana antes da súa posta á venda en Steam ofrecerse de balde a través da Epic Game Store (dentro do seu programa de xogos de balde semanais), ou sexa, que entre o 11 e o 18 de xuño será posible facerse con esta recompilación de xogos de loita completamente de balde.

Vídeo promocional da Samurai Shodown Neogeo Collection

PUBLICIDADE