As entregas de acción da saga Resident Evil preparan a súa chegada ás consolas de nova xeración

xoves, 25 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Ante a falta de retrocompatibilidade da meirande parte das consolas, nos últimos anos fixéronse moi populares as remasterizacións dos xogos, e para celebrar os 20 anos da franquía Resident Evil dende Capcom decidiron que non chegaba coas recentes versións de Resident Evil e Resident Evil 0 para as novas consolas (así como o remake de Resident Evil 2 que está en preparación) e anuncian que o 29 de marzo iniciarán o lanzamento das versións remasterizadas de Resident Evil 4, 5 e 6 para Xbox One e PlayStation 4, vendéndose cada unha a 19,99 euros (prezo que teñen actualmente as anteriores entregas). Deste xeito as versións da saga que fuxiron da supervivencia para apostar pola acción estarán dispoñibles para as consolas actuais.
O título que estará dispoñible para a súa descarga o 29 de marzo será Resident Evil 6, que por ser o máis recente tamén parece telo máis doado para adaptarse ás consolas actuais; mentres que Resident Evil 5 farase esperar até o verán; e Resident Evil 4 até o outono; separando así debidamente os lanzamentos para que os seareiros da saga poidan adquirilos con tempo dabondo para poder completalos con tranquilidade.
Como vén a ser habitual neste tipo de títulos relanzados, os xogos incluirán todos os contidos descargables que foron saíndo tras o seu lanzamento orixinal, achegando así unha experiencia completa que contribuirá a manter viva unha saga que ten dificultades para continuar despois da mala recepción da súa sexta entrega.

Vídeo de presentación das novas remasterizacións

PUBLICIDADE