As enxeñarías do Campus de Vigo mobilizan preto dun cento de docentes no plan piloto sobre IA xenerativa
martes, 7 de abril do 2026
A Universidade de Vigo segue a impulsar o plan piloto para integrar nas tres escolas de enxeñaría do campus vigués (Industrial, Minas e Enerxía e Telecomunicación) o uso da intelixencia artificial xenerativa na docencia dos graos, unha iniciativa que arrancou o pasado verán e que implica xa a 33 materias e preto dun cento de docentes dos tres centros.
A idea é “poder elaborar un manual de boas prácticas baseado nesta experiencia, tanto para o alumnado como para docentes, de maneira que no arranque do vindeiro curso 2026/2027 poidan contar xa con toda unha serie de directrices que axuden a abordar a docencia con todas estas novas ferramentas”, explicaron fontes do Campus.
Despois dunha primeira formación realizada o pasado verán, hai unhas semanas leváronse a cabo dúas novas formacións, unha para docentes e outra para o alumnado. No curso para o profesorado afondouse nas múltiples potencialidades da IA xenerativa para a docencia e nas ferramentas que esta mobiliza; participaron 88 docentes dos tres centros e, a raíz da súa participación no curso, varios destes docentes decidiron incorporarse ao piloto de IA xenerativa neste 2º cuadrimestre.
“Aínda que nestas xornadas se lles ofrece unha visión global da ferramenta, o máis relevante para nós é resaltar os riscos en canto á privacidade cando se empregan ferramentas de IA xenerativa, así como facelos conscientes da importancia de contrastar e revisar os resultados obtidos para evitar problemas relacionados, por exemplo, coas alucinacións deste tipo de algoritmias”, explica Rebeca P. Díaz, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, resaltando así a importancia de que alumnas e alumnos sexan sabedores da relevancia de revisar os resultados, e de que a intelixencia artificial non está a proba de fallos, senón que pode producir información falsa, inexacta, sen sentido ou inventada, presentándoa de maneira convincente.
No marco destas formacións, celebrouse tamén unha xornada de posta en común para valorar a experiencia piloto coas materias do primeiro cuadrimestre. Despois de recoller os informes elaborados polos equipos docentes, a xornada centrouse en recoller boas prácticas que puidesen ser de axuda para o piloto no 2º cuadrimestre, así como en analizar os seguintes pasos a medio prazo.
“O noso obxectivo fundamental é elaborar un manual de boas prácticas baseado na experiencia do piloto de maneira que teñamos unhas directrices das que poidamos botar man”, apunta a directora da ETT, ao que engade que, adicionalmente, se busca tamén “integrar na docencia a formación do estudantado nestas ferramentas para que poidan coñecelas e utilizalas, o que implicará un traballo máis amplo para agregar estes contidos e resultados de aprendizaxe nas titulacións”.
A finais deste cuadrimestre farase unha posta en común global para poder traballar cos resultados obtidos xa no seguinte curso académico.
