As escolas de Enxeñaría do Campus de Vigo lanzan un plan piloto para integrar a IA Xenerativa na docencia
xoves, 24 de xullo do 2025
As tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo (Industriais, Minas e Enerxía, e Telecomunicación) porán en marcha o vindeiro curso unha innovadora experiencia piloto na que participan máis de medio cento de docentes e coa que se busca integrar o uso da Intelixencia Artificial Xenerativa na docencia. A idea partiu da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, onde o curso pasado xa aprobaran un documento de guía de uso para docentes e estudantes, e agora dáse un novo paso de cara a poder establecer unhas guías de uso moito máis detalladas.
O piloto consta de varias fases. “A primeira é a formación do profesorado que participa nesta iniciativa, que é na que estamos agora”, explica a directora da EE de Telecomunicación, Rebeca Díaz, ao que engade que a continuación recollerán documentación detallada dos usos que cada equipo docente fará de IA Xenerativa nas súas materias. No primeiro cuadrimestre entrará en xogo tamén a formación para o alumnado matriculado nestas materias e, unha vez pechado o cuadrimestre, recollerán información do proceso de uso desta tecnoloxía. “Coa información recibida refinaremos a aplicación xenerativa no segundo cuadrimestre e tamén a formación para docentes e estudantes”, aclara a directora da EET.
Finalmente, e como conclusión deste piloto, agardan poder contar cunha análise detallada do impacto do uso de IA Xenerativa no proceso de ensinanza-aprendizaxe, poder documentar con boas prácticas o traballo realizado, de xeito que poida estenderse a outras materias e titulacións, así como decidir que ferramenta son máis axeitadas para cada tipo de uso docente (auto-avaliación, asistentes virtuais, xeración automática de código etc.) e, de ser necesario, “o tipo ou tipos de licencias de software requiridas”.
Para pór en marcha a iniciativa pediron, en primeiro lugar, a colaboración dun conxunto de profesores e profesoras con docencia no Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación co obxectivo de facer un proceso dirixido e monitorizado durante o curso 2025/2026. “Axiña decidimos estendelo ás tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo, dado que desta forma a casuística é moito maior e o resultado da análise será máis completa”, salienta Díaz.
O proxecto implica a todos os graos que se imparten nas tres escolas, o que involucra máis de 60 docentes e “non menos de 800 estudantes”.
De maneira paralela á posta en marcha deste proxecto piloto, desde a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación ultiman a elaboración nun novo manual, “xa máis extenso”, no que se afonda nos distintos aspectos nos que impacta a IA Xenerativa na docencia universitaria: metodoloxías, avaliación, regulación, declaración de uso... Titulado A Intelixencia Artificial Xerativa na Práctica Académica, o libro está editado polo docente da EET Manuel Caeiro Rodríguez, e nel participan como autores as profesoras e profesores que orixinariamente elaboraron o primeiro documento de guía aprobado pola escola o pasado verán.
