As estradas galegas avanzan en dixitalización

venres, 14 de marzo do 2025 Redacción

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, informou hoxe dos avances na Estratexia de Dixitalización e Innovación da rede viaria autonómica, a través da que a Xunta desenvolve un xemelgo dixital da rede de estradas autonómicas que permitirá a Axencia Galega de Infraestruturas planificar e xestionar as estradas de xeito máis eficiente, ao tempo que simplificará os trámites da cidadanía e reforzará a xestión da seguridade viaria.
O Goberno galego leva investidos neste amplo proxecto 8,5 millóns de euros, cofinanciados con fondos europeos, e prevé mobilizar 20 millóns de euros até 2029 para desenvolver a citada estratexia.
Os obxectivos desta iniciativa son ampliar, centralizar e unificar toda a información vinculada coa xestión da rede viaria autonómica. Isto posibilitará organizar de forma eficiente os recursos tecnolóxicos e humanos implicados neste ámbito.
Por unha parte, os cidadáns disporán dun sistema máis accesible e transparente, aforrando custos e tempos nas tramitacións que precisen efectuar no eido das estradas.
Por outra parte, a Xunta, que está a dixitalizar o mapa de estradas, aumentará a eficiencia na toma de decisións sobre a rede viaria, anticipando problemas e achegando solucións. Cabe precisar que na actualidade xa está practicamente rematada a cartografía dixital das estradas e todos os elementos que as definen.
Allegue remarcou que Galicia está a ser un referente en contar con este xemelgo dixital que vai permitir, ademais, desenvolver dun modo máis eficaz as encomendas da Axencia Galega de Infraestruturas, aproveitando tanto a información xa existente, totalmente dixitalizada, como a que chegará a través dos vehículos conectados.

Avances e novos contratos

A conselleira avanzou que no marco deste inxente traballo de campo a Xunta ten licitado recentemente novos contratos por importe de 1,8 millóns de euros.
O primeiro destes contratos correspóndese coa dixitalización de estudos e proxectos do arquivo da Axencia Galega de Infraestruturas. A magnitude deste traballo cífrase en 3.705.864 páxinas a dixitalizar.
A conselleira fixo especial fincapé noutro dos contratos licitados, que é para a utilización dos datos procedentes de vehículos conectados, un sistema que «auscultará as estradas», e permitirá obter datos de alta precisión. Citou exemplos como información da adherencia do pavimento, a visibilidade das marcas viarias ou as velocidades e aceleracións.
O terceiro contrato licitado é o relativo á xestión do modelo de transporte da rede viaria autonómica. Este programa centrarase na obtención de datos de telefonía relativos á mobilidade ou á xeración de matrices de viaxes.