As familias ven importante que exista unha lei que regule o uso da tecnoloxía na educación

xoves, 18 de xuño do 2026 Redacción

O 92,2% das familias con fillos escolarizados en Galicia considera importante contar cunha lei que regule o emprego da tecnoloxía no ámbito educativo. Así o revela a enquisa Dixitalización do sistema educativo en Galicia, elaborada polo Instituto Galego de Estatística (IGE) por encargo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP co obxectivo de coñecer a opinión das familias durante a elaboración da futura Lei de educación dixital de Galicia.
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o director do IGE, Juan Carlos Reboredo, presentaron os resultados deste estudo, que tamén analiza aspectos como a valoración do modelo de ensino híbrido, o uso das plataformas educativas ou a restrición dos teléfonos móbiles nos centros docentes.
Román Rodríguez explicou que a finalidade da enquisa é «coñecer a opinión das familias e reforzar a participación no proceso de elaboración da Lei de educación dixital, a máis participativa da historia de Galicia, pioneira a nivel estatal e que prevemos aprobar no Consello da Xunta este mes».
Segundo indicou, a Consellería está a ultimar os trámites para elevar o texto ao Goberno galego e remitilo posteriormente ao Parlamento. «A elevada cifra de achegas recibidas evidencia o interese que está a xerar esta norma, algo que tamén queda reflectido nesta enquisa», afirmou. O conselleiro subliñou ademais a preocupación existente entre as familias por cuestións relacionadas co uso da tecnoloxía nas aulas. «Atendendo estas demandas adoptamos medidas como a prohibición dos móbiles, que tiveron unha moi boa acollida e que esta sondaxe tamén avala, cun apoio do 93% das familias», destacou.
Respecto das redes sociais, o 93% considera adecuado establecer restricións de acceso para os menores de 16 anos. Ademais, o 51,3% das familias emprega habitualmente sistemas de control parental, especialmente na ESO (62,6%) e en Primaria (61,2%).
«Coa Lei de educación dixital queremos dar un paso máis e crear un marco amplo que contemple todas as situacións vinculadas ao uso das novas tecnoloxías e da intelixencia artificial nas aulas, desde o dereito á desconexión dixital ata a realización de exames virtuais ou a protección de datos», engadiu.

Aposta polo modelo híbrido

Un dos eixes da futura normativa será o reforzo do modelo híbrido de ensino, unha liña xa iniciada con medidas como a actualización do programa E-Dixgal. Neste ámbito, o 86,6% das familias galegas amósase favorable a un sistema que combine recursos dixitais e materiais tradicionais de maneira equilibrada.
A percepción sobre a integración da tecnoloxía no modelo pedagóxico é maioritariamente positiva. O 73,1% das familias considera que as actividades dixitais están ben coordinadas co resto das tarefas educativas e o 73,3% valora favorablemente o uso que o profesorado fai destas ferramentas para apoiar a aprendizaxe.
O 65% entende tamén que as iniciativas de dixitalización educativa están a contribuír positivamente ao desenvolvemento da competencia dixital do alumnado. Máis do 75% das familias considera que os seus fillos manexan con soltura as plataformas dos centros, empregan con autonomía ferramentas básicas e saben organizar as tarefas dixitais.
Esta valoración redúcese ata o 64% cando se trata da capacidade para localizar información fiable en Internet e facer un uso seguro da tecnoloxía. En coherencia con esta percepción, a principal demanda das familias é unha maior formación en seguridade dixital (63,1%). Tamén reclaman máis formación para as propias familias (32,4%), máis orientación ao profesorado (26,9%) e unha regulación máis clara sobre o uso dos teléfonos móbiles (23,5%).
A futura Lei de educación dixital pretende responder a estas inquietudes mediante medidas como a limitación do uso pedagóxico do teléfono móbil, que non se incorporará ata 3º da ESO (cando actualmente está permitido con carácter xeral), a adaptación do uso da tecnoloxía á idade e madurez do alumnado e o reforzo da formación docente. Paralelamente, xa se están ampliando as accións formativas dirixidas ás familias a través de diferentes programas e xornadas.

Desconexión dixital

As familias perciben que o uso das tecnoloxías dixitais nos centros é habitual e aumenta conforme avanza o nivel educativo. Así, o 64,9% do alumnado galego utiliza ferramentas dixitais de forma frecuente ou moi frecuente durante a súa actividade académica. A porcentaxe alcanza o 79% na Formación Profesional e sitúase no 78,5% tanto en Bacharelato como na ESO, mentres que en Infantil baixa ata o 30,6%.
O 63,3% do alumnado emprega de maneira habitual plataformas educativas dixitais. Entre quen as utiliza (80,9%), os usos máis frecuentes son a comunicación entre profesorado e alumnado (69,6%), a entrega de tarefas (68,3%) e os procesos de avaliación (64,8%).
O 86% do alumnado realiza tarefas escolares empregando tecnoloxía, xa sexa no centro ou no fogar. A incidencia é menor en Infantil (63,5%) e Primaria (73,5%), mentres que nas restantes etapas o uso é practicamente xeneralizado. Con todo, as familias consideran que existe marxe de mellora na carga de traballo asociada a estas ferramentas: o 51,5% considera adecuado o tempo dedicado ás tarefas dixitais, fronte a un 30,1% que o considera excesivo.
A futura lei regulará por primeira vez o dereito á desconexión dixital do alumnado fóra do horario lectivo. Tamén establecerá que as comunicacións entre os centros e as familias se realicen exclusivamente mediante canles autorizadas pola Xunta, como Abalar, e non a través de aplicacións de mensaxería como WhatsApp.
Segundo os datos da enquisa, a comunicación dixital entre familias e centros está amplamente estendida. O 98,4% das familias utiliza aplicacións como AbalarMobil. A valoración destas ferramentas resulta moi positiva: o 92,3% considéraas bastante ou moi útiles, o 91,6% asegura non atopar dificultades no seu uso, o 90,8% non percibe un exceso de mensaxes ou notificacións e o 87,9% afirma que melloran a rapidez coa que recibe información do centro educativo.

Uso doméstico

A enquisa tamén incorporou preguntas sobre o uso das tecnoloxías no fogar. Os resultados amosan un elevado nivel de acceso e equipamento dixital, cunha conexión a Internet presente no 99,3% dos fogares. Ademais, o 83,1% dispón dalgún dispositivo electrónico destinado ao uso escolar, cunha porcentaxe que aumenta segundo o nivel educativo.
No relativo ás competencias dixitais das familias para apoiar a educación dos seus fillos, o 86,9% considera que dispón dun nivel suficiente. Tamén destaca que o 85,1% conta cun espazo adecuado para favorecer o estudo no fogar.
A enquisa realizouse mediante entrevistas telefónicas a 1.108 persoas con fillos matriculados en ensinanzas non superiores en Galicia (agás estudos universitarios e FP superior) entre o 13 e o 30 de marzo. O deseño da mostra tivo en conta a distribución territorial, o tamaño dos municipios de residencia e cotas segundo o nivel educativo do alumnado.