As farmacias galegas non poderán empregar a influentes na súa publicidade
luns, 10 de marzo do 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou de que o Consello da Xunta aprobou esta mañá o novo decreto polo que se regula a sinalización, identificación, información, publicidade e actividades promocionais das oficinas de farmacia e boticas anexas.
O novo decreto regula tamén os requisitos que deben cubrir as oficinas de farmacia na súa actividade na Internet sexa a través dunha páxina web propia ou das redes sociais. Nestas plataformas, ademais de proporcionar datos sobre a súa localización e contacto, estará permitido achegar «información xeral sobre o uso racional de medicamentos» promovidos pola Administración sanitaria e os colexios oficiais de Farmacia, promover a educación sanitaria e a prevención das enfermidades, e tamén informar sobre aquelas campañas sanitarias nas que participe.
O envío de boletíns informativos por parte das oficinas de farmacia, o uso de tarxetas de fidelización ou ferramentas similares, así como a participación en campañas promocionais de calquera tipo, unicamente estarán permitidas cando non se refiran a medicamentos nin a produtos sanitarios e así se faga constar expresamente.
Están permitidos descontos sobre o prezo de venda que se contemplen na normativa de aplicación ou as promocións propias dos fabricantes ou distribuidores. Igualmente, as farmacias só poderán ofrecer incentivos, agasallos, premios ou obsequios, nos casos permitidos na normativa básica que resulte de aplicación.
Pola contra, nin a súa páxina web, nin as súas redes sociais «poderán ofrecer ou enlazar con ferramentas de autodiagnóstico ou automedicación», nin tampouco estará permitido facer publicidade da oficina de farmacia mediante a intervención de persoas de relevancia ou impacto mediático (influentes).
