As ferramentas tecnolóxicas da CEMMA-GTOA xa rexistraron 800 avistamentos e interaccións con candorcas

luns, 3 de xullo do 2023 S. P.

A agrupación CEMMA-GTOA (Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños e Grupo de Traballo Orca Atlántica) fixeron balance da actividade xerada polas súas ferramentas tecnoloxías desenvolvidas e activadas para mellorar as seguridade de navegantes e candorcas nas súas posíbeis interaccións e previlas na medida do posíbel. Trátase de tres ferramentas fundamentais: web, aplicación móbil e catálogo de fotoID. A través delas contabilizáronse 800 rexistros de encontros con candorcas dende 2020.
800 rexistros
O Grupo de Traballo Orca Atlántica chegou estes días ao rexistro 800 de encontros (avistamentos e interaccións) con candorcas, dende a costa norteafricana até a Bretaña francesa. dende o seu inicio das actividades no verán do 2020. Foron, explican dende o grupo, “tres anos de intenso traballo de recollida de datos dos navegantes”, realizado a través do programa de ciencia cidadá Friendship Orcas financiado pola Fundación Santander.
Dos 800 encontros, 251 son avistamentos, onde se observan as candorcas lonxe dos barcos, e 549 resultaron ser interaccións (é dicir: as candorcas responden á presenza dos barcos e achéganse), nas que as candorcas reaccionan ante a presenza de barcos que se aproximan. Nalgúns casos son interaccións sen contacto físico, noutros son interaccións con contacto físico e sen danos e noutros casos estes contactos físicos provocan danos que se fan graves, impedindo a navegación dos buques, isto acontece no 19,9% dos interaccións.
O GTOA explica que a frecuencia aumentou entre 2020 e 2021, desde que os eventos comezaron en xullo de 2020, pero entre 2021 e 2022 non houbo un aumento significativo. En 2023 rexistráronse 94 interaccións (25 delas con graves avarías que tiveron que ser remolcadas) e 43 avistamentos, especialmente na zona do Estreito e en Portugal.
A candorca
A candorca ibérica é unha subpoboación dunha especie en paso pola nosa costa dende tempo inmemorial, deste xeito ten varios nomes populares coñecidos: esparte, espolarte, espirlón e bighorna.
Dende o 2020 o comportamento das candorcas pasou de realizar interaccións baseadas na curiosidade a outras nas que mantén contacto físico coas embarcacións chegando a romper pezas como o leme.
A CEMMA participou dende o seu inicio no Grupo de Traballo Orca Atlántica-GTOA para buscar unha explicación a este comportamento.
Proxecto Friendship Ircas
Dende hai un ano estase levando a cabo este proxecto con financiamento da Fundación Santander mediante xeráronse diversos materiais educativos e divulgativos, entre os que destacan tres ferramentas fundamentais como apoio á prevención das interaccións: web, aplicación móbil e catálogo de FotoID.
A páxina web www.orcaiberica.org recolle moita información e resulta, en palabras da CEMMA, “unha boa plataforma de descarga de información para todo o mundo”, dado que se pode empregar en cinco idiomas (inglés, portugués, francés, español e galego), ao igual que o resto dos materiais que se ofrecen, “cunha vocación políglota para chegar ao máximo público posíbel”, engade a coordinadora galega.
Polo que respecta ao catálogo, recolle máis de 20 mil imaxes de 30 entidades e persoas diferentes o que permitiu identificar a 35 exemplares de candorcas entre as que se atopan as gladis que son as 15 candorcas que actualmente interactúan coas embarcacións.
A aplicación móbil (GT Orcas en Google Play e Apple Store) e unha completa ferramenta, tamén nos cinco idiomas, na que ademais de contar con información básica para identificar aos cetáceos e as condicións ambientais da navegación, subminístranse mapas dos avistamentos e interaccións e mapas preditivos semafóricos, o que, segundo apunta a coordinadora “permite previr os encontros e tamén trasladar dun xeito áxil os datos de avistamentos e interaccións con calquera cetáceo”.
Estas ferramentas, engade a CEMMA, “abren amplas posibilidades na participación pública na conservación dunha especie que precisa atención”.
A plataforma tamén fai saber que a candorca é unha especie considerada vulnerábel na lexislación española, mais a agrupación CEMMA-GTOA considera que “debería adecuarse a súa categoría de protección a una situación real e actualizada e pasar a ser especie en perigo crítico de extinción, tal e como a recoñece a IUCN e a normativa en Portugal”. E conclúen: “É necesario consensuar a nivel internacional categoría e accións que permitan una protección efectiva”.
Situación actual da candorca ibérica
Neste momento xa saíron da área do estreito de Gibraltar ao menos un grupo de candorcas e navegan polas augas de Portugal centro, entre 3 e 6 millas da costa, aínda que eventualmente achéganse á costa empuxando ao atún cara á costa dende augas máis profundas.
Nos anos 2015 e 2019 foron observadas polos equipos da CEMMA nas augas de Fisterra, non se descarta este ano manter o rexistro da especie no seu paso cara ao norte seguindo ao atún.
Tranquilidade aos navegantes
O GTOA pide “tranquilidade” aos navegantes, que se informen na situación a través da web e aplicación GT Orcas onde figuran os mapas de semáforos coas áreas de risco entre o estreito e Galicia para que poidan tomar decisións. “Sobre todo que traten de evitar esas áreas de risco pola noite”, sinalan.