As firmas Dinahosting, Opseeker e Porto Muíños, premiadas pola Deputación da Coruña

martes, 27 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

Finalmente as distincións da segunda edición dos Premios ás Mellores Iniciativas Empresarias da provincia que entregou a Deputación da Coruña foron unhas distincións de marcado cariz dixital e, sobre todo, moi innovadoras. A segunda edición dos Premios PEL entregáronse o 23 de marzo, no salón Arao do recinto PALEXCO, e a gala contou cos mellores precedentes: un esforzo especial da Deputación por aglutinar arredor dos recoñecementos a meirande cantidade proxectos e de persoas emprendedoras que se saldou coa cifra salientábel de 78 candidaturas, moitas delas pertencentes ao ámbito das novas tecnoloxías da información. No palmarés final tamén houbo, ao cabo, presenza TIC: distinguiuse o labor e a traxectoria de Dinahosting, Opseeker Tech e Porto Muíños.
A gala, na que participaron unha manchea de alcaldes e representantes do tecido económico coruñés, contou coa presenza do presidente provincial, Valentín González Formoso; o deputado responsábel da área de Economía e Emprego, José Luis García; e o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla.
A empresa OpSeeker Tech, con sede en Ames e especializada en adestramento financeiro en liña, foi galardoada co distintivo de Mellor Iniciativa Empresarial Nova, mentres que a cercedense Porto-Muíños recibiu o galardón á Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada e a santiaguesa Dinahosting, centrada en servizos de hospedaxe, dominios e VPS, obtivo o premio á Mellor Iniciativa Socialmente Responsábel. Cada unha das premiadas recibiu un trofeo de olería de Buño, un diploma acreditativo e 25.000 euros en metálico.
Como dixemos, a esta segunda edición dos premios presentáronse un total de 78 candidaturas de toda a provincia e de ámbitos de actividade moi variados, destacando ás dedicadas ás novas tecnoloxías da información e a programación informático, así como as empresas de servizos de enxeñaría e consultoría, comercio en liña e alimentación, hostalería, cosmética e estética, educación, turismo e actividades de servizos sociais.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, foi o encargado de entregar os galardóns ás tres empresas, das que salientou a “súa gran capacidade de innovación e a súa aposta decidida pola calidade, o fomento de boas prácticas de xestión empresarial, a internacionalización e a aplicación de políticas de responsabilidade social corporativa". Asemade, destacou a súa capacidade creativa e para traernos cousas que marcan un antes e un despois: “Nun mundo onde parece que todo está inventado, Dinahosting, OpSeeker e Porto-Muíños amosan que arredor de nós aínda temos novas vías que explorar”. Tamén puxo o foco na liña de impulso empresarial na que se encadran estes galardóns: “Na Deputación da Coruña, queremos que a nosa acción política se entenda ligada á creación e promoción do emprego”, ao tempo que fixo fincapé no Plan de Emprego Local (PEL) no que se inscribe o galardón entregado hoxe. “O PEL multiplica por 6 os recursos que a institución provincial viña destinando ao emprego, investindo 30 millóns de euros para apoiar aos concellos na contratación, apoiar o emprendemento e impulsar ás pequenas e medianas empresas en todos os concellos da provincia”.
Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios da Coruña e tamén presidente do xurado, agradeceu á Deputación da Coruña “o pulo a unha brillante iniciativa que valoriza a innovación, o esforzo e a responsabilidade social das nosas empresas” e destacou o elevado nivel das empresas que concorreron aos premios.
O xurado, amais de por Fontenla, estivo formado por José Manuel Cotos, adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento da USC; José Andrés Faíña, presidente do Grupo de investigación de Competencia e Desenvolvemento da Unión Europea da UDC; Carlos Fernández Bermúdez, vicepresidente da Cámara de Comercio da Coruña; Fernando Barros Fornos, secretario da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela; Miguel Miragaya, presidente da Asociación de Empresarios Novo da Coruña; Isabel Ferro, xerente de I+D na empresa Calvo e José Sierra, presidente de honra de UROVESA.
OpSeeker Tech
Segundo fixo saber a Deputación, OpSeeker Tech, destaca “por ter como misión a mellora da saúde financeira das empresas e das persoas particulares”. Como lembraremos, OpSeeker pon en xogo unha serie de recursos en liña para adestrarnos na xestión responsábel dos nosos cargos. A tecnoloxía da firma de Ames, que xa foi distinguida polo BBVA, inclúe unha aplicación móbil que simula investimentos en bolsa e movementos de capitais con diñeiro ficticio, establecendo patróns de comportamento para cada un de nós e axudándonos a detectar erros e a aprender a investir adoptando boas prácticas financeiras.
Porto-Muíños
En canto a Porto-Muíños, trátase dunha empresa familiar situada en Cerceda que comezou a súa andaina en 1998 comercializando algas. Segundo informa a entidade provincial, nun primeiro intre procesábanas para a súa venda en deshidratado e conserva, pero a día de hoxe tamén se poden atopar os seus produtos en po, salgadura e en fresco. Os seus argazos distribúense por toda a xeografía española e en distintos países dos cinco continentes. Porto-Muíños adícase tamén á elaboración doutros produtos autóctonos das costas galegas: conservas de ovas de ourizo de mar, fígado de rabada, mexillóns con algas ou infusións, entre outros produtos. Ademais, o xurado tamén salientou o compromiso sustentábel de Porto-Muíños, destacando pola súa implicación na conservación da diversidade biolóxica do medio mariño, a súa fonte de subministración. Por este motivo, ten especial coidado na sustentabilidade dos recursos que explota e colabora co Departamento de Bioloxía Vexetal da Universidade da Coruña e co Instituto Oceanográfico de Santander para investigar e desenvolver técnicas de cultivo que contribúan á súa preservación.
Dinahosting
A empresa compostelá Dinahosting, coa súa referencial sede na rúa das Salvadas, centra a súa actividade na xestión de aloxamento web e dominios, poñendo á disposición dos usuarios diversas ferramentas e servizos para facilitar a dixitalización e o desenvolvemento de proxectos en liña. A Deputación lembra que entre as medidas de responsabilidade social empresarial da firma de Santiago destacan o seu Plan de Igualdade, a aposta polo emprego de calidade mediante a contratación indefinida da práctica totalidade de cadro de persoal, a preocupación e o coidado dos seus traballadores, a constitución dun Comité de Ética, a súa colaboración coa Fundación para a discapacidade e emprego Xoán XXIII dándolle aloxamento web de balde e facendo unha doazón anual de 20.000€ ou a colaboración con Paideia, con numerosos centros de FP e a USC para a inserción da xuventude no mundo laboral.
Ademais, Dinahosting vén de lanzar unha campaña de colaboración coa Asociación de Montes do Mancomún de Vincios (Gondomar), para axudar no repoboamento das áreas afectadas pola vaga de lumes que afectou a Galicia, e moi especialmente á provincia de Pontevedra, o pasado ano.
Do mesmo modo, Dinahosting ten en marcha accións e proxectos para loitar contra a violencia machista, promover do deporte, fomentar hábitos alimentarios saudábeis e patrocinar máis de 300 webs con fins sociais.

PUBLICIDADE