As firmas de BFAero locen empuxe innovador ante 18 fondos de investimento en Madrid

mércores, 1 de xullo do 2026 S. P.

A Xunta celebrou por primeira vez en Madrid, este mércores 1 de xullo na sede da Oficina Económica de Galicia, un encontro no que diferentes startups participantes na sétima edición da aceleradora galega BFAero e noutras convocatorias anteriores (Kreios, Aguia e Vig-Sec Drone) presentaron os seus proxectos ante 18 fondos de capital risco atraídos polo potencial do ecosistema aeroespacial galego.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada da directora do Instituto Económico de Galicia (IGAPE) Covadonga Toca, foi a encargada de clausurar unha xornada que, segundo afirmou, dá a estas firmas innovadoras unha oportunidade de conectar con fondos de investimento, que é “crucial” porque “lles garante unha viabilidade financeira e acelera o seu crecemento no mercado”.
A conselleira engadiu que “esta é unha das principais preocupacións que temos como Goberno: detectamos e acompañamos moitos proxectos innovadores, pero eses proxectos necesitan consolidarse no mercado e ir crecendo. E iso non podemos conseguilo só co IGAPE ou con Xesgalicia, necesitamos do investimento privado. Polo tanto, é fundamental que poidamos utilizar a nosa Oficia Económica como escaparate de todo o que se fai en Galicia para atraer ese investimento”, dixo.
Ademais do acompañamento financeiro, mencionou que no ámbito do aeroespazo Galicia “empezou un sistema de compra pública innovadora no que é pioneira e que, xunto á BFAero, fixo que se consolidase un ecosistema punteiro a nivel nacional e europeo que nos vindeiros anos pode darnos grandes alegrías”.
A conselleira salientou que a BFAero forma parte da Estratexia de Defensa, Seguridade e Aeroespazo, que pretende mobilizar máis de 900 millóns de euros de cara ao 2030.
Inclúe, dixo, instrumentos de apoio como a liña de axudas para certificacións; para tecnoloxías duais (aberta ata o vindeiro 4 de setembro cun orzamento de 6 millóns de euros); e os acordos marco de compra pública de innovación, que se van presentar agora cunha novidade “importantísima” porque o que se vai priorizar é “que eses consorcios traian o seu proxecto de innovación á comunidade e deixen ese valor engadido da industria e da fabricación en Galicia”, avanzou a conselleira.
Desde a súa posta en marcha en 2019, a BFAero leva apoiado 49 proxectos empresariais (galegos, doutros puntos de España e mesmo internacionais), dos cales 15 son empresas de nova creación que xeraron máis de 310 empregos cualificados, 28,6 millóns de euros en volume de negocio e que levan realizado investimentos por valor de 16 millóns de euros. Só os proxectos da 5ª e a 6ª edición teñen captado máis de 14 millóns de euros de financiamento público e privado, o que demostra a capacidade deste programa para transformar tecnoloxías estratéxicas en compañías con atractivo investidor.