As fórmulas para garantir a axilidade e a eficacia, ao detalle nun novo curso de Vitae

martes, 10 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Dixitalizar unha empresa e apostar por métodos eficaces de traballo é garantir a súa supervivencia e a súa competitividade? Non exactamente, aínda que está claro que axuda. Dende logo, quen non teña clara a necesidade de implantar rutinas áxiles laborais, pechará a porta do crecemento e da rendibilidade. Acabáronse os tempos de xerar produtos e servizos e agardar a que nolo quiten das mans. Fai falla, máis ca nunca, escoitar o que pide a xente, adiantarse ao que requiren os nosos clientes, saber o que van dicir mesmo antes de que o digan. Recursos para adestrarnos nisto hai moitos, pero se cadra poucos tan indicados como o histórico curso de Vitae Consultores (xa vai pola súa 32 edición) sobre Dirección e Xestión de Proxectos TIC Áxiles con Scrum, Scrumban e Lean Software.
O obxectivo é facilitar que os profesionais minimicen esforzos, que atopen as mellores rutas posíbeis, que optimicen o rendemento e que se fagan co equipo máis axeitado.
A actividade formativa celébrase en Vigo (sede de Afundación na rúa Policarpo Sanz) os días 17, 18, 24 e 25 de abril.
Trátase dunha actividade formativa de 20 horas dirixida a familiarizar aos nosos profesionais para aplicar os devanditos modelos de traballos áxiles (Scrum, Scrumban e Lean), uns modelos que introducen elementos engadidos de eficacia, rendibilidade e sintonía cos clientes.
Segundo Vitae, a orixe do obradoiro está igualmente nas vantaxes de anticiparnos ás nosas propias demandas. Ou sexa, de preparar o camiño a percorrer para saber cara a onde dirixirnos en canto se dea unha disxuntiva. Desta maneira nolo explica Vitae: “Tendo en conta o moito que evoluciona o mercado e a necesidade das empresas de adoptar medidas para satisfacer de maneira eficaz e rápida as demandas do cliente, propoñemos este curso sobre o uso de Scrum en proxectos e desenvolvemento de software”. Esta metodoloxía, engaden dende Vitae, permitirá a implicación e auto-organización de todo o equipo profesional dunha corporación para fixar un punto de partida e definir o proceso de desenvolvemento que se executará durante o proxecto.
Nun plano máis detallado acerca do programa do curso, neste abordaranse as diferenzas entre as devanditas metodoloxías áxiles e as súas vantaxes e inconvenientes con respecto a metodoloxías pesadas como CMMI, PMI e ISO, “dando unha perspectiva global aos asistentes para que adquiran os coñecementos precisos para seleccionar a metodoloxía de dirección segundo as necesidades de cada proxecto”.
A encargada de impartir estes contidos será Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática pola Universidade de Vigo. Actualmente é responsábel da área de Aseguramento da Calidade e Seguridade Funcional da División de Electrónica, HMI e Sistemas ITS do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG). Posúe máis de 18 anos de experiencia no eido do desenvolvemento de software destacando a súa actividade na xestión e dirección de proxectos TI con metodoloxías áxiles (Scrum, XP) e de predición (PMI, CMMI) para os sectores do motor, o aeronáutico e do espazo. Entre as empresas e organismos que ten asesorado figuran as seguintes: ESA (Axencia Europea do Espazo), o devandito CTAG, o Centro de Investigación TIC (CITIC), Tecnocom, SIVSA, SERESCO, Coremain, Balidea, Dayco Ensa, Grupo Antolín, PGA, ASM Soft, SoftWcare, Discalis, a Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago, a Universidade da Coruña, o Concello da Coruña, Visual MS, Telek, Imaxdi e OpenHost, entre outras entidades.

PUBLICIDADE