As galegas Cardi@ngel, Senior Lingua e CertyChain collen impulso logo de participar en programas do Clúster TIC

mércores, 16 de abril do 2025 S. P.

Cardi@ngel, CertyChain e Senior Lingua ábrense paso no mercado despois de participar nos programas do Clúster TIC Galicia Tech Angels Network e na incubadora NodeHub.
Cardi@ngel estableceu unha alianza estratéxica con Quobis tras inscribirse en Tech Angels Network, unha proposta da entidade para acelerar e optimizar ideas de negocio mediante a incorporación de solucións tecnolóxicas avanzadas. O enxeñeiro compostelán Jesús Velasco ideou Cardi@ngel despois do falecemento dun amigo a raíz dun infarto por “non recibir a asistencia adecuada no momento preciso”. Trátase dunha app de alerta inmediata, colaborativa e gratuíta, dirixida a usuarios con enfermidades do corazón e a voluntarios capacitados para facer reanimación cardiopulmonar (RCP).
Iago Soto, fundador de Quobis, sinala que se decantaron por este proxecto entre os once que se presentaron a Tech Angels Network porque “tiña unhas necesidades tecnolóxicas cunha gran proximidade á nosa capacidade; as comunicacións en tempo real son o noso núcleo de traballo desde hai vinte anos”. O apoio da empresa de telecomunicacións a Cardi@ngel consistiu no desenvolvemento das aplicacións móbiles, tanto de Android como de iOS, así como do backend que xestiona o funcionamento da plataforma. A aplicación está pensada para ser “extraordinariamente simple”: un botón a premer pola persoa que presenta un ataque cardíaco, e no caso dos voluntarios que reciben a alerta, un mapa e unha fotografía para chegar á localización do doente, así como unhas instrucións de axuda. “A maior complexidade técnica é ter acceso permanente á posición dos usuarios con enfermidades do corazón, xa que os teléfonos tenden a desconectar aplicacións que non se están usando”, apunta Soto.
O Concello de Ribeira foi a primeira entidade que se suma á iniciativa, que proporciona, ademais, programas de sensibilización social e formación gratuíta para a poboación dese municipio co obxectivo de tecer unha rede ampla de voluntarios capacitados para practicar RCP. “Formar a persoas en cada concello nesta técnica e que teñan a aplicación operativa, garante unha resposta en caso de emerxencia”, apunta o CEO (director executivo) de Quobis.
Pola súa banda, Senior Lingua tamén formou parte da primeira edición de Tech Angels Newtork. Esta solución busca conectar a persoas adultas con estudantes de español para “conversar, coñecer novas culturas e pasar bos momentos viaxando sen moverse de casa”, en palabras do seu promotor, Alejo Santolino. Para o alumnado, funciona como complemento á formación neste idioma, e para o público sénior, supón unha oportunidade de coñecer persoas e paliar a súa soidade. A aplicación está aberta a todos aqueles nativos de castelán, tanto de España como de América Latina que queiran probala, xa que para eles é de carácter gratuíto. Amais, co obxectivo de sumar máis usuarios, comenta Santolino, dende Senior Lingua están dispostos a colaborar con outras institucións, desde administracións públicas ata empresas de servizos de atención a domicilio, residencias ou asociacións. O CEO adianta ademais que, en breve, lanzarán a aplicación para conectar a nativos de inglés con estudantes desta lingua. Respecto á súa entrada na Academia ViaGalicia destaca: “Xa conseguimos unha colaboración con outra empresa participante e se conseguimos formar parte da aceleradora sería un respaldo ao noso proxecto, xa que nos axudaría a chegar a máis persoas e ter un maio impacto”.
CertyChain, pola súa banda, participou en NodeHub, a incubadora apoiada por INCIBE Emprende e o Clúster TIC Galicia para impulsar startups e emprendedores proporcionándolle apoio, formación e mentorización durante cinco meses. A súa proposta, unha aplicación baseada en tecnoloxía de cadea de bloques para a firma e verificación de documentos dixitais, obtivo o premio ao mellor proxecto do programa. Detrás de CertyChain está Sara Chao, directora executiva da empresa, e tres compañeiros de facultade, todos estudantes de Enxeñaría Informática na Universidade de Vigo, que decidiron embarcarse neste proxecto despois da experiencia sufrida por un amigo ao que lle “modificaron o contrato de traballo despois de que o asinase en papel”, precisa Chao. A súa plataforma vén de ser seleccionada tamén para entrar na Academia ViaGalicia xunto a Senior Lingua e outros 21 proxectos. Esta fase de preaceleración estenderase durante sete semanas para facilitarlles os coñecementos, competencias e habilidades necesarias para definir o seu modelo de negocio ata o Demo Day, no que se escollerán os 15 finalistas que se incorporarán en setembro á 8ª edición da aceleradora da Zona Franca e o IGAPE.