As galegas TTT e IP Global desenvolverán unha plataforma de comunicación para o Clúster Español de Turismo de Saúde
venres, 27 de xuño do 2014- López Bourio durante a presentación compostelá de TTT Social Center
A axencia dixital TTT
Social Center, con sede en Lugo e dirixida por José María López
Bourio, vén de acadar un importante contrato para o desenvolvemento
(co seu socio tecnolóxico coruñés IP Global, con David Bello á
fronte) dunha
plataforma de click to call de alcance internacional e co
obxectivo de dar servizo a milleiros de usuarios. O proxecto, que
recaeu en TTT e IP Global de mans do Clúster Español de Turismo de
Saúde, implicará dar atención, soporte telefónico e información
a “turistas sanitarios” dunha ducia de países, entre os que se
contan Arabia Saudita, Emiratos do Golfo, Rusia, Alemaña, Suecia,
Reino Unido, Noruega ou Finlandia, países interesados todos eles en
recibir asistencia médica privada e servizos turísticos
complementarios en España.
Por certo que o servizo a
desenvolver polas empresas galegas materializarase a través da
solución Webphone. Trátase dunha ferramenta que ten a función de
conectar aos visitantes dunha web (os interesados) coas empresas de
servizos, dende centros hospitalarios a residencias, pasando por
hoteis, balnearios e axencias de viaxe. A solución opera sen custo
para o cliente, e fai gala, informan TTT e IP Global, “dunha
tecnoloxía madura, implantada e coñecida de abondo por todos os
públicos, unha tecnoloxía que non é outra que o teléfono, tanto
móbil como fixo, xerando un importante fluxo de datos”.
Segundo nos conta o
propio José María López Bourio, este tipo de turismo é claramente
unha actividade con moito potencial de proxección, e de feito
calcúlase que medrará até os cincocentos millóns de euros en
2015. Asemade, recentes estudos de mercado feitos por Deloitte e a
FNCP apuntan a que o volume total de negocio rexistrado polos países
receptores de turistas sanitarios vai alén dos 7.400 millóns de
dólares. De feito, en España o mercado actual rolda os 140 millóns
de euros e espérase -como dixemos- que esta cifra creza até os 500
millóns de euros de aquí ao ano 2015.
Lanzado en 2013, o
Clúster Español de Turismo de Saúde é un proxecto conxunto de
cinco organizacións empresariais: a Federación Nacional de Clínicas
Privadas (FNCP), a Asociación Nacional de Balnearios (ANBAL), a
Federación Empresarial da Dependencia (FED), a Confederación
Española de Hoteis e Aloxamentos Turísticos (CEHAT) e a
Confederación Española de Axencias de Viaxes (CEAV). O obxectivo
desta iniciativa é situar o Estado como “un referente no mercado
do turismo sanitario e atraer fluxos de pacientes de alto poder
adquisitivo cara aos centros sanitarios e infraestruturas turísticas
membros do Clúster”. Segundo nos lembran fontes de TTT e IP
Global, en Galicia súmanse a este proxecto “importantes clínicas
privadas, hoteis e balnearios, aos que o Clúster ofrece interesantes
perspectivas de negocio”.