As galegas de entre 35 e 65 anos utilizan máis as tecnoloxías que os homes

luns, 29 de xaneiro do 2024 Redacción

O informe Mulleres en dixital: o uso das TIC desde unha perspectiva de xénero, que vén de publicar o Observatorio da Sociedade da Información e a modernización de Galicia da Xunta (OSIMGA), sinala que as mulleres de Galicia de entre 35 e 64 anos usan a Internet máis que os homes, e, ademais, as de entre 45 e 64 anos superan tamén aos homes no uso de dispositivos electrónicos.
Nas franxas de idade inferiores aos 35 anos, o uso das tecnoloxías é practicamente o mesmo entre homes e mulleres, con índices que superan o 99%. Só se manteñen diferencias detectables nas persoas maiores de 65 anos. Nesta franxa, un 85,4% das mulleres utiliza dispositivos electrónicos, fronte a un 89,9% dos homes e un 57,7% das mulleres declaran usar internet, fronte a un 62,3% dos homes.
As características da poboación de Galicia explican que, tendo en conta todas as idades, o 89,1% das mulleres declaren usar a Internet, unha porcentaxe que é do 89,5% no caso dos homes.
Tamén é superior o ritmo ao que crece o uso da Internet entre as mulleres que entre os homes. O crecemento de internautas galegas no período 2019-2022 foi de 4,5%, mentres que os homes creceron un 4,2% nese mesmo período.

Uso da Internet, o comercio electrónico e e-Administración

A proporción de mulleres que compran a través da Rede no 2022 acada o 60,5%, cun crecemento de case o 20% dende o ano 2019, cando a porcentaxe das internautas galegas que compraban na rede era do 50,9%. Por tramos de idade, compran máis as mulleres ca os homes pola Internet até os 54 anos, e invértese a tendencia nos maiores, ata superar os 8 puntos porcentuais a prol dos homes entre os 65 e 74 anos.
No relativo ao uso da Administración electrónica, no ano 2022, as mulleres superan aos homes en todas as actividades analizadas e que serven para informarse ou realizar trámites de xeito electrónico.