As historias de Facebook preparan a súa chegada ao escritorio

xoves, 3 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Comezamos a semana dando conta de que as historias de Facebook xa podían configurar a súa privacidade para estar dispoñibles de xeito público e non só limitadas aos amigos, e agora dende TechCrunch informan de que as historias de Facebook estarían a dar o salto (cando menos en probas) á versión de escritorio da plataforma, ou sexa, que non se limitarían á aplicación móbil.
Na versión web de Facebook as historias non ocuparían un lugar tan destacado como no móbil, senón que quedarían relegadas á columna da dereita da páxina web, dende a que poderiamos ver as fotografías e os vídeos que os nosos amigos compartan de xeito efémero (pois desaparecen 24 horas despois da súa publicación).
Haberá que ver como funcionan as historias neste novo contorno, pero polo momento as historias que realmente son efectivas son as de Instagram, que conseguen aglutinar a 250 millóns de usuarios ao día, superando claramente aos 166 millóns de usuarios de Snapchat (servizo co que querían competir) de xeito que a compañía de Mark Zuckerberg conseguiu un éxito impresionante, quedando agora pendente de ver se conseguen arrastrar a tendencia do móbil ao PC (o que podería axudar tamén a que as historias de Facebook teñan algo máis de uso, pois actualmente están consideradas un rotundo fracaso, como resulta evidente cando abrimos a aplicación móbil e vemos que a meirande parte do espazo reservado para as historias aparece en branco).

PUBLICIDADE