As historias e a confianza serán chave nas redes sociais en 2019

luns, 10 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Cando remata o ano é habitual realizar un repaso do acontecido e lanzar predicións de cara ao ano que vén, e así o fan tamén dende Hootsuite no que a redes sociais se refire, polo que lanzan o seu informe anual co que buscan detallar as tendencias globais en redes sociais que marcarán o 2019.
Os datos de Hootsuite proveñen dunha enquisa á que responderon máis de tres mil dos seus clientes, dende grandes empresas até pequenas axencias, e da que desprenden 5 grandes tendencias en redes sociais para 2019:

1- Reconstruír a confianza: as marcas deben humanizarse mentres o círculo de confianza nas redes sociais faise máis estreito. Salientan que 2018 foi un ano de crise de confianza (con escándalos como o de Cambridge Analytica) e agora hai que centrarse na transparencia e nas interaccións de calidade, para mellorar a conversa nas comunidades creadas.

2- Redes sociais que contan Historias: constatan que os equipos de contido están a adaptarse aos novos formatos que ofrecen as Historias para compartir contido.
Aseguran que o formato das historias que emerxeu con Snapchat e trunfou especialmente en Instagram está a medrar 15 veces máis rápido que o contido compartido a través das novas, converténdose no xeito principal para compartir contidos cos amigos. Estimen que actualmente hai mil millóns de usuarios de WhatsApp, Instagram, Facebook e Snapchat empregando este formato para compartir contido.

3- Pechar a fenda publicitaria: o aumento da competencia en anuncios pagados en redes sociais require que os expertos en comercialización melloren o seu xogo.
A produción publicitaria en redes sociais é demasiado elevada, polo que resulta preciso innovar para poder captar a atención do usuario, xa que o impacto da publicidade é cada vez menor, de xeito que a creatividade é cada vez máis precisa para conseguir unha maior eficiencia.

4- Descrifrar o código de comercio: os adiantos en tecnoloxías de compra en redes sociais por fin parecen estimular as compras.
A posibilidade de realizar compras en Facebook e Instagram é unha oportunidade que non debe deixarse pasar.

5- As plataformas de mensaxería comen o mundo: os usuarios demandan mellores experiencias un a un.
Ou sexa, que aínda que WhatsApp, Messenger e outras ferramentas de mensaxería non sexan esencialmente redes sociais, están moi ligadas ás mesmas, converténdose no seu principal competidor, xa que cada vez hai máis usuarios que optan por compartir os seus contidos dun xeito máis privado. É así preciso ter en conta esta canle de comunicación para conectar coas audiencias tanto a nivel promocional como no trato ao cliente.

PUBLICIDADE