Estes días está a recadar apoios en Verkami unha iniciativa de gran interese para os seareiros da banda deseñada que ademais teñan inclinación polas consolas, e dentro deste ámbito, polo ambiente retro e polos xogos da clásica Game Boy. Falamos de GameBoyLands, un proxecto para publicar en papel “unha declaración de amor con feitura de cómic ás achegas do mítico aparello de Nintendo”, unha tecnoloxía que marcou a toda unha xeración, en palabras do impulsor da iniciativa, Juan Carlos Bonache. Mais, en que vai consistir isto nun plano máis detallado? Pois segundo engade, trátase de hilarantes historias de humor baseadas en xogos como Super Mario Land, Kirby, Pokemon ou Tetris como “nunca os viches”.
O proxecto GameBoyLands, realmente, non é novo. De feito, xa tivo unha vida anterior en Internet, onde segundo conta Bonache tivo un importante seguimento, acadando que todas as súas páxinas fosen compartidas en centenares de ocasións polos internautas a través das redes sociais. Agora, sinala, o reto é levar estas historias do dixital ao papel, pero sen mediación de editoriais, ou sexa de xeito cen por cen independente. O proxecto, como se pode ver en Verkami, vai vento en popa, con case 5.700 euros recadados e xa por enriba das necesidades mínimas.
Bonache, unha referencia no ámbito estatal da banda deseñada, ten colaborado cun bo número das principais editoriais españolas e publicado en revistas como El Jueves ou Dibus!. Porén, explica, GameBoyLands é a súa obra máis especial. “De acadar os obxectivos de crowdfounding marcados”, di, “porémonos a traballar coa imprenta e os envíos para que todos os que colaboraron teñan o seu pack en casa en menos de dous meses”.
As historias retro de GameBoyLands chegarán ao papel a través de Verkami
Compartir Este Artigo
