As humanidades dixitais centran a nova sesión divulgativa da UNED Ourense e o CIA

xoves, 22 de abril do 2021 S. P.

A penúltima semana deste mes de abril vai vir cunha nova ración de Intelixencia Artificial dende o CIA de Ourense, da man deste centro impulsado polo Concello e máis UNED Ourense. A nova sesión en streaming do ciclo Venres con IA terá como protagonista á investigadora Ana García Serrano, que falará sobre as humanidades dixitais e a súa importancia, en termos de emprego e transformación, para institucións, museos, departamentos de dinamización cultural de empresas e outros ámbitos.
Nesta sesión, que se vai emitir en directo ás 12.00 horas o venres 23 de abril, presentaranse casos prácticos de éxito mostrando a implantación das tecnoloxías no eido das humanidades, tanto para procesar información textual e multimedia ou para a xestión e visualización de datos, como para achegar novas aproximacións que faciliten o pensamento e a investigación humanista.
De todo iso falará a profesora Ana García Serrano, da ETSI Informática da UNED.
A doutora García Serrano é profesora titular da Universidade Nacional e Distancia e doutora en informática pola UPM. Traballou en diferentes universidades e incorporouse á UNED en xuño de 2007, participando desde entón no grupo de investigación Procesamento de Linguaxe Natural e Recuperación de Información (NLP&IR polas súas siglas en inglés) da ETSI de Informática da UNED. Previamente foi directora do grupo de investigación Intelligent Systems (ISYS, 1999-2007) do Departamento de Intelixencia Artificial da Universidade Politécnica de Madrid. Regularmente é a investigadora principal en diferentes proxectos nacionais e internacionais e é membro do grupo de innovación docente verificado polo IUED da UNED, SALT-CG (Smart and Adaptive Learning and Teaching-Crowding-Group).

PUBLICIDADE