As ideas TIC, moi presentes nas candidaturas do Premio ao Novo Emprendedor de AJE-Galicia

venres, 13 de decembro do 2013 Redacción

Entre as propostas a levar o Premio ao Novo Emprendedor do ano que convoca a Asociación de Novos Empresarios (AJE-Galicia), nesta edición salientan as candidaturas vinculadas aos produtos e servizos cun marcado cariz ecolóxico, con metodoloxías e recursos para mellorar a nosa competitividade e, tamén, con ideas que perseguen o mellor posicionamento en liña posíbel para os nosos produtos, solucións ou servizos. Así nolo conta a organización do certame, que entregará os ditos recoñecementos o vindeiro 18 de decembro nun evento que se celebrará na Estación Marítima de Vigo.
Segundo engade AJE-Galicia respecto das propostas presentadas a Novo Empresario, o perfil do candidato é moito máis variado e en moitos casos trátanse de empresas que obtiveron xa un gran éxito.
A convocatoria, ademais das dúas categorías principais, o 8º Premio Novo Emprendedor e o 8º Premio Novo Empresario, conta con tres accésit que valorarán aqueles proxectos que salienten pola súa innovación, a súa calidade ou por destacar en Responsabilidade Social Empresarial (RSE).
Os candidatos ao Premio Novo Emprendedor
· ABC de Bio: de Vigo, é unha tenda que dispón de 1.600 produtos ecolóxicos.
· Amizar Innova: de Ourense, ademais de ofrecer escapadas de fin de semana, están especializados en venda de incentivos, team building para empresas e weekend english para grupos.
· Bambú Nigrán: de Nigrán, esta empresa combina o deporte e a saúde.
· Cenit English: de Vigo, mellora o posicionamento en inglés das empresas e profesionais.
· Cervexa Artesanal Nós: de Vigo, fabricará cervexa artesanal natural sen aditivos externos.
· Comunicare: de Vigo, especializados en mercadotecnia online e tradicional.
· Ecosistemas Enerxéticos: de Vigo, comercializan en exclusiva un sistema inmótico vinculado ao aforro de enerxía.
· Espanorama: de Vigo, realiza tours virtuais de todo tipo de negocios.
· Fildsgo: de Vigo, axudan a externalizar a rede comercial dos seus clientes.
· Ganapán: de Vigo, dan voz na Rede a pequenas empresas.
· JBA Eficiencia Enerxética 2.0: de Salceda de Caselas, céntrase en como aforrar custos a través do estudo de facturas, instalacións, illamentos, etc.
· Mia Mandarina: de Vigo, dedícase á venda online de material para manualidades.
· Skidnoteeth: de Vigo, realiza gardabarros para bicicletas urbanas, ecolóxicos, encartábeis e personalizados.
· The Trending Market: de Vigo, fan mercadotecnia e deseño.
· Viru Davvero: de Vigo, realiza deseños exclusivos de bixutaría de venda online.
Candidatos Premio Novo Empresario
· Byfer: de Vigo, externaliza o departamento de administración das empresas.
· El Escondite: de Vigo, centro de lecer infantil de calidade.
· Gloval Novatrade: do Porriño, ofrece servizos de asesoría e consultoría en comercio exterior a empresas de Galicia e o Norte de Portugal.
· Grupo Arquea: de Vigo, achega solucións de xestión de alto valor engadido integrando todas as áreas da empresa.
· Kemegal Químicos: de Vilagarcía de Arousa, este laboratorio saca ao mercado máis de 50 novos produtos ao ano.
· Koala: do Porriño, elabora produtos para o viño e o 90% deles, con patentes e deseños industriais a nivel internacional.
· Newcell: de Vigo, achega solucións en materia de telecomunicacións
· La Pepita Burger Bar: de Vigo, trátase dun negocio de éxito especializado en hamburguesas gourmet.
· Sevennis: de Vigo, as súas pezas están situadas en 52 puntos de venda en España e Portugal.
· Shops and Stores Concept (Stoco): de Vigo, están especializados en equipamento de frío para a alimentación tanto en positivo como en negativo.
· The Nude Design: de Vigo, é un estudo de deseño de mobiliario que no último ano impulsou unha colección que o cliente pode personalizar.

PUBLICIDADE