As inspeccións agrarias intelixentes de Primare, ao detalle este martes en Forcarei

luns, 16 de setembro do 2019 Redacción

Este martes 17 de setembro vaise celebrar en Forcarei a primeira xornada Primare Demo-Days, destinada a informar das posibilidades e desafíos do proxecto galego Primare – Inspeccións Intelixentes Avanzadas, que busca aplicar as tecnoloxías da Industria 4.0 ao noso agro mediante a automatización dos controis en campo. A xornada vén da man da axencia AMTEGA e a Consellería de Medio Rural. Segundo informan, trátase do primeiro dos dous encontros previstos para mostrar perante os responsábeis de explotacións as potencialidades que se abren no agro con Primare, poñendo o foco nos beneficiarios das axudas da Política Agraria Común (PAC).
O programa inclúe, ademais, a presentación de vindeiras aplicacións para que os agricultores se involucren “de forma activa” nos procesos de inspección da PAC e tiren proveito de servizos de valor engadido para facilitar a xestión das explotacións agrarias.
Así mesmo, incorpórase unha actividade de campo para os que estean interesados en coñecer o funcionamento do uso de medios aéreos non tripulados (drons) para a captura e xestión de información xeográfica, territorial e agroambiental xeorreferenciada das explotacións.
No mes de outubro está prevista unha segunda convocatoria da xornada que terá lugar no concello de Meira (Lugo). A asistencia a calquera das xornadas é gratuíta, previa inscrición a través da seguinte ligazón: https://mediorural.xunta.gal/primare_civil_uavs/presentacion/.
O proxecto Primare - Inspeccións Intelixentes Avanzadas, co-liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), dependente da Consellería do Medio Rural, ten por obxectivo “desenvolver solucións innovadoras para dispoñer de servizos automatizados de valor engadido para os axentes do sector agro-gandeiro, e en particular, para a realización dos controis de campo asociados ás axudas da Política Agraria Común (PAC) mediante medios tecnolóxicos (en particular, mediante o uso de medios aéreos non tripulados, e outros sistemas tecnolóxicos)”.
Trátase do primeiro proxecto de compra pública de tecnoloxía innovadora (CPTi) no ámbito do sector primario posto en marcha a nivel estatal, que conta cun orzamento de 4M€ cofinanciado nun 80% con fondos FEDER do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 (POPE) procedentes do Convenio de Colaboración entre o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, GAIN e a AMTEGA para o proxecto CIVIL UAVs Initiative.

PUBLICIDADE