As instalacións do CESGA xa poden visitarse virtualmente a través dos mapas de Google

xoves, 16 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) é todo un referente da aplicación da computación de altas prestacións á investigación no panorama estatal, contando tamén con outras iniciativas que mediante o uso das TIC benefician á sociedade, e dentro das súas actividades non falta a divulgación, de aí que sexa frecuente que as súas instalacións en Santiago de Compostela reciban a visita de escolares de toda a nosa comunidade e incluso a celebración de xornadas de portas abertas para achegar á cidadanía o bo facer desta institución que vén de dar un paso máis adiante nesta dirección: a creación e publicación dunha visita virtual polas súas instalacións.
Deste xeito, a través de Google Street View podemos pasear polas infraestrutura científica e técnica singular CESGA, non sendo preciso ser un dos preto de mil alumnos de bacharelato e ciclos superiores de Galicia para poder coñecer as súas instalacións, o que permite, dende ver os obxectos da historia da informática que ocupan os seus corredores como mostra do moito que avanzou a tecnoloxía nas últimas décadas, até contemplar o impresionante sistema de computación Finis Terrae II, que pode conseguir un rendemento de até 328 TFLOPS.
Para poder gozar da visita virtual polo CESGA só temos que explorar o recinto a través de Google Maps dende o ordenador ou dispositivos móbiles, para o que realizaron detalladas fotografías de 360 graos das instalacións do centro, para o que contouse coa colaboración da empresa coruñesa Qualisure.

PUBLICIDADE