As investigadoras da UDC Verónica Bolón e Cristina Blanco, Premios Nacionais de Investigación 2024
xoves, 17 de outubro do 2024
Dúas investigadoras da Universidade da Coruña veñen de ser galardoadas nos Premios Nacionais de Investigación 2024, os cales contan con 20 modalidades dotadas con 30.000 euros cada unha. Trátase de Verónica Bolón Canedo, docente da Facultade de Informática da UDC e investigadora no CITIC e Cristina Blanco Sío-López, investigadora Distinguida Sénior da Facultade de Socioloxía.
Ambas as dúas investigadoras foron galardoadas na categoría dos Premios Nacionais de Investigación para persoal investigador menor de 40 anos. No caso de Cristina Blanco, na Modalidade María Moliner, onde resultou premiada pola súa excelente carreira científica en Historia Contemporánea. O xurado destacou a súa traxectoria no ámbito internacional e os seus recoñecidos estudos sobre o proceso de integración europeo.
Verónica Bolón foi premiada na categoría María Andresa Casamayor polo “seu excelente traballo en múltiples áreas da aprendizaxe automática, destacando a investigación para a promoción da sustentabilidade da Intelixencia Artificial, con clara aplicación social, usando os seus algoritmos de selección de características para o diagnóstico de enfermidades ou a detección de verteduras no océano”.
Cristina Blanco Sío-López
Cristina Blanco Sío-López, Premio Nacional de Investigación (PNI) María Moliner de Humanidades 2024 (Modalidade Talento Novo) é investigadora distinguida sénior no Equipo de Investigación Sociedades en Movemento (ESOMI) da UDC, onde traballa como investigadora principal (IP) do proxecto de Consolidación Investigadora FREEMOVEU. En 2024-2025 foi elixida como visiting fellow no Centro de Humanidades da Universidade de Cambridge (Reino Unido).
As súas liñas de investigación céntranse na historia do proceso de construción europea, cun acento en factores de paz sostíbel, dereitos de mobilidade humana e a indución de percepcións temporais desde 1989. Foi Marie Skłodowska-Curie senior global fellow na Universidade de Pittsburgh (Pennsylvania, EE.UU.) e na Università Ca’ Foscari dei Venezia (Italia). Anteriormente foi profesora asistente de Cultura e Política Europea na Universidade de Groningen (Países Baixos). Previamente foi investigadora de Estudos Europeos no Centro de Estudos Europeos – St. Antony’s College da Universidade de Oxford. Obtivo o seu doutoramento no European University Institute of Florence (EUI). Blanco é tamén membro da Royal Historical Society (RHS) en Londres, así como académica de número da Academia Joven de España (AJdE) e da Young Academy of Europe (YAE). Foi Membro do Comité Executivo da Global Young Academy (GYA).
Verónica Bolón Canedo
Verónica Bolón Canedo é profesora e investigadora na Universidade da Coruña. Traballa en temas de investigación relacionados con varias áreas da IA, especialmente en aprendizaxe máquina e algoritmos verdes. É autora de dous libros, varios capítulos de libro, un libro editado, e máis de 100 artigos en congresos internacionais e revistas de alto impacto. Recibiu numerosos recoñecementos á súa excelente traxectoria científica e profesional, como o premio Dona TIC Revelación da Generalitat de Catalunya, o premio Ada Byron do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, ou a medalla a Jóvenes Investigadores da Real Academia de Ingeniería. É académica de número da Academia Joven de España e académica correspondente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales, sendo a muller máis nova da corporación.