As lámpadas LED xa permiten conexións de datos a 1 Gbps

mércores, 25 de novembro do 2015 Marcus Fernández

IBTimes está a dar conta dunha tecnoloxía que pode mudar o xeito de conectar nos nosos dispositivos electrónicos sen fíos, o Li-Fi, que en declaracións do director xeral da compañía estoniana Velmenni, Deepak Solanki, podería completar as actuais redes Wi-Fi para conseguir comunicacións máis eficientes, e que actualmente xa conta con solucións válidas para contornos industriais e dende Velmenni xa están a traballar nun proxecto piloto para un cliente privado no que levarán o acceso á Rede a través dunha rede Li-Fi nunha oficina.

Harald Haas xa explicou en 2002 esta tecnoloxía nunha interesante charla TED

O Li-Fi supón o uso de comunicacións a través de luz visible (VLC), o que conseguiría vantaxes como a seguridade de que os datos transmitidos non serán accesibles dende o exterior (xa que a luz non atravesa as paredes), contaría con poucas interferencias (especialmente se atendemos á saturación das redes Wi-Fi actuais) e incluso conseguiría elevadísimas velocidades (no laboratorio chegaríase aos 224 Gbps).
Na práctica Velmenni estaría a conseguir transferencias de 1 Gbps, superando sobradamente moitas redes Wi-Fi (falan de superar máis de 100 veces as tecnoloxías Wi-Fi actuais, aínda que iso non se axusta á realidade), aínda que antes da adopción masiva desta tecnoloxía será preciso desenvolver bastantes solucións que permiten crear a infraestrutura necesaria para que a iluminación LED de fogares e despachos poidan empregarse como puntos de acceso á Rede a alta velocidade.

Charla TED na que Harald Haas daba conta desta tecnoloxía