As lentes Oakley Meta HSTN completan a súa gama

mércores, 20 de agosto do 2025 Marcus Fernández

As novas lentes con IA de Meta creadas en colaboración con Oakley son un dos produtos de actualidade este verán, pero tiñan unha importante limitación, xa que só estaban dispoñibles na súa edición limitada, que non era do agrado de boa parte dos consumidores polo seu deseño (montura en cor gris cálida con cristais polarizados Prizm 24K) e prezo (549 euros), pero finalmente abriuse a reserva do resto de modelos das Oakley Meta HSTN, que comezarán a entregarse aos compradores o vindeiro día 26.
Por 439 euros podemos facernos con modelo con montura en cor gris cálida e cristais Prizm Ruby ou con montura de cor negra e cristais transparentes; por 489 euros temos dispoñibles o modelo con montura negra e cristais negros polarizados ou con montura marrón afumada e cristais polarizados Prizm Deep Water; e por 519 euros teriamos os modelos con cristais fotocromáticos grises e montura transparentes ou con montura negra e cristais fotocromáticos en tonalidade ametista.
Estas novas lentes con integran altofalantes abertos na montura para permitir escoitar música, comunicarse en mans libres ou interactuar coa intelixencia artificial de Meta mediante a voz; a súa cámara captura vídeo 3K coa comodidade de non ocupar as mans durante as gravacións (tamén pode tomar fotografías de 12 Mpíxeles, almacenándose estes contidos na súa memoria interna de 32 GB); e a súa batería achega unha autonomía de ata 8 horas de uso normal que co seu estoxo de carga permite ampliar o seu uso ata 48 horas.
A mellora na resolución na gravación de vídeo destas novas lentes é moi importante, xa que pasa de 1.440 x 1.920 píxeles das Ray-Ban Meta a 3.024 x 4.032 píxeles, o que non só permite un maior detalle, senón que tamén serve para poder recortar o vídeo para adaptalo a formato horizontal cunha resolución superior a Full HD, conseguindo que estas lentes sexan moito máis prácticas para a creación de contido.

Vídeo promocional das Oakley Meta HSTN