As licenzas dos servizos de Google para Android poderían custar até 40 dólares por dispositivo

luns, 22 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Ante a sanción de 4.342.865.000 millóns de euros imposta pola Comisión Europea a Google por mor da súa política de comercialización de Android, dende Google anunciaron que facilitarían a distribución de móbiles con Android na Unión Europea que inclúan a tenda de aplicacións de Google, pero prescindindo de Chrome e do buscador de Google, para o que terían que facer pagar aos fabricantes unha licenza que compensase a perda de ingresos pola non instalación das aplicacións que facilitan a Google o retorno do investimento que fan en Android.
Aínda que dende Google no fixeron públicas as condicións destas licenzas, dende The Verge adiantan que as cantidades que os fabricantes terían que pagar chegarían até os 40 dólares por dispositivo, en función do país e do tipo de dispositivo, para terminais que se activen a partires do 1 de febreiro de 2019.
Nos países con maior poder adquisitivo (Reino Unido, Suecia, Alemaña, Noruega e Países Baixos) os smartphones con pantallas cunha densidade de máis de 500 puntos por polgada pagarían 40 dólares por licenza dos servizos móbiles de Google; para trebellos con pantallas con resolucións de entre 400 e 500 puntos por polgadas a licenza baixaría até os 20 dólares; e os dispositivos con resolucións inferiores aos 400 puntos por polgada pagarían só 10 dólares. Noutros países, as licenzas para os dispositivos básicos podería ser de só 2,5 dólares.
Sorprende que a densidade de píxeles en pantalla sexa o xeito co que Google determina a gama dos dispositivos con Android (especialmente porque hai terminais de prezos bastante elevados que non coidan moito tal aspecto), e tamén porque as tabletas teñen por normal xeral resolucións baixas (polo que non sorprendería que tivesen un esquema de prezos diferente).
De calquera xeito, non parece que vaian ser moitos os fabricantes que queiran prescindir do buscador e o navegador web de Google, polo que as compañías que comercializarían versións de Android con servizos de Google pero sen as aplicacións que supoñen beneficios para a compañía de Mountain View semella que serán moi poucas, e probablemente para algún produto moi específico que probablemente vaia dirixido ao mercado profesional.

PUBLICIDADE