As liñas móbiles de R quedan fóra de servizo dende o mediodía

venres, 23 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Ante a saturación do servizo de atención telefónica de R as únicas canles efectivas nas que os usuarios puideron saber da incidencia foron as redes sociais

Dende media mañá os usuarios de liñas móbiles do operador R padeceron unha importante incidencia que os deixou sen servizo de voz e datos, e para a súa desesperación, o servizo telefónico de atención ao cliente atopábase saturado, polo que só podían conseguir información sobre o acontecido a través da presenza da compañía nas redes sociais, e ás 17:15 horas aseguraron ter identificado o motivo do fallo nos móbiles dos seus clientes, e o inicio da recuperación progresiva das liñas, pero na práctica tal recuperación aínda non se completou pola noite, con problemas intermitentes no servizo de voz e datos xeneralizados, o que nas datas actuais resulta especialmente molesto.
Ás 21:45 horas dende R insistiron nas desculpas polas molestias causadas, e aseguraron que estaban a recuperar as liñas a bo ritmo, mentres que os usuarios continúan a dar conta dos fallos no servizo, especialmente no que se refire a datos no móbil.
O malestar dos usuarios é evidente, pois veñen de ver como nos últimos meses experimentaron unha suba na cota mensual das liñas móbiles e un cambio de cobertura móbil (de Vodafone a Orange) que en moitos casos supuxo unha notable perda na calidade do servizo (con bastantes queixar de usuarios que chegan incluso a perder a cobertura móbil no seu fogar), e unha incidencia tan longa en datas sinaladas non axuda a conservar a confianza nunha compañía que onte mesmo estreou novas tarifas, o que pode facer que moitos clientes, postos a estudar a tarifa a contratar, decidan mudar de compañía.
Dende R aseguran que unha vez resolta a incidencia procederán a analizar unha posible compensación aos clientes afectados polo corte do servizo.

ACTUALIZACIÓN (24-12-2016): Ás 00:14 horas dende R afirman ter recuperado «o servizo de chamadas para todas as liñas» quedando pendente de «rematar o restablecemento do servizo de datos», ao que responden multitude de usuarios negando a maior, e asegurando que levan dende o mediodía sen liña e incluso pasadas as 1:00 horas aseguran que continúan sen servizo. Dende o operador insisten en que o servizo de datos restablecerase «durante a madrugada».

PUBLICIDADE